Vitoria fría

O Compos acadou a súa décima vitoria consecutiva a costa dun Barbadás que pelexou ata o final merecendo un premio superior. Un partido complicado para un equipo que pasou de dominar gran parte do primeiro tempo a sufrir máis do esperado no segundo. Cun resultado curto pero suficiente para sumar de tres, os de Yago Iglesias seguen a seis do segundo, o Bergantiños, e amplían a diferenza con respecto ao terceiro ata os dez puntos e a dezaséis do quinto. Róber, autor do gol do triunfo. 


Comezo perfecto.  
Durante todo o tempo que estivo sobre o terreo de xogo, case oitenta minutos, Diego Rey foi o dono da banda esquerda. O extremo, que foi titular por primeira vez no curso, convertiuse no peor pesadelo da defensa do Barbadás con numerosas chegadas polo costado do ataque branquiazul. Ademais, o asturiano foi tamén o creador da xogada do que sería o único gol do encontro.
Con tres minutos xogados, o ex de Somozas e Levante, recibiu a pelota, cruzou a área con parede con Alex Ares incluida e pase para Róber, que non perdoou ante Rui, o mellor dos seus evitando a que puido ser unha diferenza maior e coa posibilidade de marcar nos minutos finais do xogo.
O gol non foi máis que a maneira de abrir o que sería un tempo de dominio case total dos nosos, aínda que sen conseguir superar de novo ao gardamallas portugués con Diego Rey e Róber como protagonistas das mellores oportunidades nos metros finais do campo barbadés. De feito, ata tres ocasións máis levaron o selo dos dous xogadores da Esedé, sen sorte de cara a porta en ningunha. 
O dominio foi superior co paso dos minutos co Compos xogando en gran parte do tempo en campo contrario. Por parte do Barbadás, defensa forte e presión fóra da área sen permitir aos nosos sequera achegarse aos metros finais. Por contra, eles tampouco foron quen de poñer en perigo a portería defendida por Lucas sorprendendo aínda máis no segundo tempo. 

O Barbadás buscou o gol. 
O Compos saltou ao terreo de xogo logo do paso por vestiarios coa única intención de pechar o encontro canto antes. Non obstante, despois de tres oportunidades claras que non foi quen de materializar a dianteira branquiazul, o Barbadás tomou o mando do partido para poñer en serios apuros a vitoria local. 
Contra un equipo incapaz de transformar as súas mellores chegadas, os ourensáns levaron moito perigo en cada contra aproveitando a súa velocidade para, en menos de cinco minutos, asinar as súas mellores oportunidades ante un Lucas que amosou gran seguridade e velocidade á hora de evitar un susto maior.
Con moitas máis interrupcións e nervios ca no primeiro tempo, os dous equipos buscaron un gol que non chegou na segunda parte. O Compos, case sen sorte, tivo unha moi clara nas botas de Primo a menos de cinco minutos para o final co que se podería pechar o xogo. Pola súa parte, o Barbadás mantívose preto da porta de Lucas atacando con once nos minutos finais obtendo dous corners moi perigosos que a piques estiveron de saír moi caros aos nosos.

Finalmente os tres puntos quedan en Santiago e a vindeira fin de semana visitará San Lázaro un rival máis que perigoso. O Bergantiños, que chega logo de superar ao Negreira, será o seguinte que buscará medir a un Compos que, de sumar de tres, tería un pé na promoción de ascenso con case tres meses de antelación. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Casas, Uña, Sergio; Mon, Tomás; Diego Rey (Rubén, min. 79), Alex Ares (Samu, min. 87), Róber (Sobrido, min. 68); e Primo. 
CARTÓNS: Amarelo para Sergio.
GOLES: 1-0 3' Róber.
CAMPO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario