Sigamos a escribir a historia

Despois da derrota chega a posibilidade da calma. O equipo de Yago Iglesias, que pechou unha xeira histórica de dez vitorias consecutivas ante o Bergantiños, terá na Lomba de Ponteareas unha oportunidade de volver ao bo camiño. Diante, un Cultural Areas que pelexa por saír da zona baixa da clasificación ocupando un posto que, a día de hoxe, implicaría ao equipo ponteareán nunha carambola a tres bandas na que estaría metido tamén o Compos, pero iso xa é cousa a parte e na que pensar dentro de tres meses.
O partido en terras pontevedresas, marcado para a tarde dun domingo que se pechará con esta cita, será o primeiro entre ámbolos dous conxuntos lonxe de Santiago, con só o precedente da primeira volta no que os visitantes puxeron as cousas moi complicadas.


A defensa, o punto débil.
O Cultural Areas arrincou a tempada con moi bos resultados sendo, xunto co Noia e superado só polo Boiro, o segundo equipo que máis goles puido facer en San Lázaro no que vai de tempada, aínda que sen sacar nada positivo da súa visita histórica á capital galega. Un equipo que militou case toda a súa historia en Rexional e que busca a permanencia na súa sexta tempada na Terceira división, mais agora dependendo do que fagan Racing de Ferrol e Cerceda, ámbolos dous en descenso, para non ter que depender dos equipos que pelexen por ascender á división de bronce.
Ata o de agora, en 26 xornadas, o equipo branquiazul asinou un total de 5 vitorias, 7 empates e 14 derrotas. 30 goles a favor que o sitúan como equipo con máis acerto da parte baixa e 53 en contra que, por outro lado, deixan ao cadro ponteareán como o peor defensivamente.
Na Lomba, o Areas só foi quen de superar a Barbadás e Vilalonga sendo, ademais, os dous únicos equipos que non puideron ver portería. Choco, Ribadumia, Céltiga e Laracha asinaron o empate a un gol mentres que o Ourense non puido facer con máis dun punto malia anotar dous goles. Outro dato importante é que, agás ante o Ribadumia, sempre se adiantaron os locais para recibir logo o gol do empate co 80 por cento deses tantos encaixados na segunda metade. Racing Vilalbés, Somozas, Alondras, Silva e Boiro saíron cos tres puntos deixando a súa porta a cero todos agás os cangueses, que encaixaron o gol cando o resultado xa era de 0-4. En total, 12 goles ao seu favor e 19 en contra.
A nivel individual, nun equipo con boa representación de futbolistas portugueses, salienta entre o resto Yelco con 9 goles sendo o autor do tanto do empate ante o Barbadás a pasada fin de semana. A parte, un dato non tan positivo, sitúa aos de Carlos Machado como un dos equipos con máis xogadores expulsados da categoría con ata sete futbolistas con algún cartón vermello.

Primeira visita á Lomba.
Por primeira vez, o Compos visitará este domingo A Lomba de Ponteareas. Un campo de herba, con aforo para algo menos de mil seareiros, e no que os nosos buscarán volver ao camiño do triunfo despois do esvarón da pasada fin de semana. Un campo do que xa saíron 20 puntos dos 36 en xogo e no que só quedaron 11. No que sempre houbo goles e algunha que outra goleada asinada polos equipos da zona alta da clasificación.
O terceiro equipo con menos goles cando traballa ante a súa afección recibirá a outro que, a diferenza das pasadas campañas, está a asinar uns números a domicilio case insuperables. Con só unha derrota lonxe de San Lázaro, a colleitada ante o Racing Vilalbés na primeira volta, e empates no Morrazo e no Couto, os de Yago Iglesias non perden fóra de Santiago dende setembro e suman de tres de forma ininterrompida dende novembro gañando nas súas últimas cinco saídas. Ademais, a Esedé suma un total de 28 goles ao seu favor e recibiu 14 mantendo a porta a cero en catro ocasións.
Na primeira volta, o Areas puxo as cousas moi difíciles en San Lázaro a un Compos que se puxo 3-0 antes de cumprirse os vinte minutos de xogo con goles de Róber, Santi e Hugo André en propia porta. Non obstante, o cadro visitante puxo contra as cordas aos nosos cun tanto de Nuno aínda no primeiro tempo e outro de Roberto Pastoriza xa no segundo. A dous minutos para o final, Sobrido pechou o partido co 4-2 definitivo rematando a un rival que puido marchar da capital galega con algo moito máis positivo.

Totalmente ao contrario.
Malia seguir fóra dos postos de descenso directo, si que descendería este verán de non haber ata dous ascensos á Segunda B de seguir todo así, o Cultural Areas está a asinar uns números moi mellorables nas últimas xornadas. De feito, dende a entrada do novo ano, o equipo ponteareán só foi quen de asinar 5 puntos de 21 posibles logo de rematar o 2017 con dous triunfos consecutivos. E é que os de Carlos Machado só puideron gañar ao Ribadumia hai xa algo máis dun mes e empatar contra Laracha e Barbadás.
Contra o cadro ourensán chegan de xogar a pasada xornada. Un partido que se definiu no treito final logo dun gol de Jordi García, chegado a Barbadás o pasado mes de decembro para buscar a permanencia, aos tres minutos poñendo por diante aos locais. Mais, xa no engadido, Yelco rematou coa ledicia ourensá grazas ao gol do empate.
Diferente sorte foi para un Compos que mereceu polo menos un punto. O equipo de Yago Iglesias amosou a súa mellor imaxe ante o Bergantiños pero sen premio. Cun gol de Iago López no segundo tempo, o cadro carballés pechou a histórica xeira de resultados dun equipo que segue no máis alto superando ao seu principal perseguidor por tres puntos coa diferenza particular de goles entre un e outro igualada. Non obstante, o Compos puido conseguir o empate no engadido cun tanto anulado polo colexiado logo de sinalar unha falta inexistente sobre Cristopher nun salto con Sobrido.

Todos dispoñibles pensando no Somozas.
Con aínda algo de marxe de erro, menor logo da derrota da pasada fin de semana, Yago Iglesias terá para a visita á Lomba a todo o equipo dispoñible. Sen sancionados nin mancados unha semana máis, o adestrador debe ter coidado cos cartóns. Róber, un fixo no once titular, e Samu, titular na metade nos encontros ata o de agora, chegan apercibidos de sanción con catro amoestacións cada un.

Pechando a xornada.
Para esta fin de semana, tódolos partidos se xogarán o domingo ás 17 horas agás o Cultural Areas-Compos, que arrincará media hora máis tarde na Lomba de Ponteareas. As entradas terán un prezo de 10 euros para o público xeral.
Por contra, que non poida asistir ao encontro poderá seguilo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario