Que o frío non sexa escusa

Compos e Barbadás terán este domingo en San Lázaro unha nova final para os dous conxuntos nas súas respectivas pelexas ata o final do curso. O equipo da capital galega terá que superar a un novo rival no seu camiño cara á promoción de ascenso coa posibilidade de encadear o décimo triunfo consecutivo. Pola súa parte, o cadro ourensán saltará ao terreo de xogo coa obriga de superar aos nosos na busca dunha permanencia que se presume complicada neste final de tempada.


O peor visitante.
O Barbadás non está a facer a súa mellor tempada precisamente. O equipo ourensán, que visitará San Lázaro coa intención de rematar co seu mal ano a domicilio, terá que verse as caras co sexto mellor clasificado na táboa de locais, un Compos moito máis regular lonxe de Santiago. Un partido que semella moi desigualado cos dous equipos obrigados a loitar polos tres puntos.
Décimo oitavo na clasificación, o Barbadás asinou un total de 20 puntos en 24 xornadas. 6 vitorias, 2 empates e 16 derrotas, datos aos que engadir os 17 goles anotados, que o confirman coma o equipo con máis problema á hora de ver portería, e os 41 en contra, que o sitúan coma o quinto equipo con máis tantos recibidos.
Ante a súa afección conseguiron o 80% dos seus puntos, 16 de 20, conseguindo un so empate ante o Choco sen goles. Ademais, conseguiron importantes triunfos ante equipos da zona alta como son Racing Vilalbés e Boiro. Por contra, as cousas non son tan positivas a domicilio. Lonxe dos Carrís só puideron sumar de tres contra en Espiñedo, contra o Arenteiro, e un empate no San Lázaro de Noia cun total de catro goles. Nesta caso hai que lembrar que só puideron facer 8 goles mentres que recibiron 31 con goleadas contra o Barco (6-0), Arousa (4-1), Silva (3-0) ou Racing Vilalbés (3-0).
A nivel individual, dous xogadores sobresaen por enriba do resto no que vai de tempada. Caique e Alberto Marcos suman os dous 4 goles mentres que oito xogadores máis se reparten os demais tantos cun gol cada home.

Dous de dous por dous.
Ata o de agora, Compos e Barbadás enfrontáronse en partido oficial ata en dúas ocasións en San Lázaro. Dous precedentes, que datan de 2012 e 2016, e que remataron con resultado máis que positivo para os nosos. De feito, como dato curioso, os dous xogos remataron cun 2-0 no marcador, obra de Gonzalo e Franqueira na primeira cita e Santi e Martín a pasada tempada con ámbolos dous tantos nos dez minutos finais.
Na primeira volta, nos Carrís, os tres puntos viñeron camiño de Santiago grazas a un gol de David Uña no segundo tempo. Un gol do central madrileño que foi suficiente para sumar a primeira vitoria logo de dúas derrotas consecutivas.

Dez de dez?
Arestora, o Compos acumula unha gran xeira de nove vitorias consecutivas, algo que ningún equipo das tres categorías superiores foi quen de acadar. En xogo estará a décima seguida aumentando así o mellor momento da historia do clube, salvando as distancias. A iso hai que engadir cinco xornadas máis sen coñecer a derrota.
Para ver a última vez que non foron capaces de puntuar os nosos hai que remontarse ata o mes de outubro. En San Lázaro, onde se asinaron dúas das tres derrotas do curso, o Barco puido marchar cos tres puntos. No mesmo escenario, dúas semanas despois, o Arousa fíxose co último punto que saiu de Santiago ata o de agora. Dende aí, cinco vitorias consecutivas dos nosos na casa cun total de 13 goles a favor e 2 en contra, os dous ante o Noia.
Unindo tanto as cinco vitorias e o empate colleitados no teatro branquiazul e as seis vitorias e outros dous empates dan un total de 14 xornadas sen coñecer a derrota, dato que buscarán aumentar esta fin de semana ante o cadro ourensán. Ademais, neses case catro meses, o equipo dirixido por Yago Iglesias leva unha xeira envexable de 9 triunfos consecutivos.

Superados os números do ano pasado.
Despois de 24 xornadas, o líder da Terceira suma xa 57 puntos grazas a 18 vitorias, 3 empates e outras tantas derrotas. Un equipo co camiño ao gol gravado na pel superando o conseguido ao final da pasada campaña, cando o conxunto tamén adestrado por Yago Iglesias acadou 62 puntos con 17 vitorias, xa superadas, e 11 empates.
Superado o número de vitorias do pasado curso, agora ten a tiro superar os 21 triunfos das tempadas 2012/13 e 1993/94, ámbalas dúas rematadas con ascensos importantes. Por diante quedarían os 25 triunfos da 2008/09, os 26 da 2011/12 e os 27 da 1989/90, aínda superables.
En canto á categoría, só o Racing de Ferrol hai cinco anos conseguiu no mesmo tempo un total de 60 puntos mentres que o Fabril, hai xa doce, sumou 58 sendo os últimos en conseguir máis ca os nosos en 24 xornadas.

Dúas baixas ben pensadas.
Coa finalísima ante o Bergantiños unha semana despois, o Compos terá dúas baixas importantes esta fin de semana pensando en chegar seguro á seguinte xornada. Naveira, que se fixo cun oco no once nas últimas xornadas, e Santi, que está a ser o mellor socio de Primo en ataque, non poderán estar despois de ver o quinto cartón amarelo a pasada fin de semana. Pola súa parte, Samu e Róber chegan apercibidos de sanción de ver un cartón ante o Barbadás.

Que ninguén falte!
O domingo ás 17 horas chega unha final para dous equipos en momentos moi diferentes. San Lázaro acollerá un partido para o que as entradas estarán a un prezo, habitual, de 10 euros para maiores de 17 anos, 5 euros para rapaces entre 13 e 17 anos e de balde para menores de 12. Por outro lado, cada aboado poderá retirar ata dúas entradas sen coste algún antes do venres pola tarde ao igual que se sortean en diferentes redes sociais coa intención de aumentar o número de afeccionados neste treito final do campionato.
Quen, por contra, non poida achegarse ao 'teatro dos soños branquiazul' poderá seguilo en directo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais poderá escoitarse en directo a través de 'Esedé Radio', na web oficial do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario