Máis que tres puntos

Este domingo chega algo máis que unha final. Un enfrontamento no que haberá máis que tres puntos en xogo no que a día de hoxe é o mellor encontro da Terceira galega. O líder e o segundo clasificado enfróntanse con ámbolos dous conxuntos inmersos nunha loita á que aínda lle faltan 13 capítulos, co desta fin de semana cobrando moita máis importancia. En San Lázaro medirán as súas forzas un Compos histórico e un Bergantiños cuns números moi semellantes e que non quere perder de vista o gran privilexio que otorga o ser campión da categoría.
A día de hoxe, seis puntos separan aos dous equipos nunha clasificación na que non está a ser nada doado afastarse dos seus perseguidores. 60 puntos dos nosos ante 54 dos carballeses, máis de 100 goles entre os dous conxuntos e con dous dos tres máximos anotadores da categoría sobre o campo dun San Lázaro onde se espera unha boa entrada malia a subida de prezos por mor do 'Día do clube'.


Números de líder.
Despois de 25 xornadas moi interesantes e importantes na Terceira galega, o Bergantiños suma uns números case inigualables. De feito, tal é así que nos dez últimos anos só tres líderes a estas alturas superan os 54 puntos do cadro bergantiñán. Só Compos, Cerceda e Racing de Ferrol, este superando tamén os 61 dos nosos, baten os números en canto a puntos mentres que unicamente o cadro ferrolán e o Narón, hai xa unha década, melloran ao equipo dirixido por Miguel Figueira con, tamén, uns datos envexables.
17 triunfos, 3 empates e 5 derrotas, unha delas ante o Compos nas Eiroas, avalan a un equipo que suma un total de 51 goles, 2 de media por partido, e que recibiu só 18 sendo o mellor equipo defensivo xunto co Barco e conseguindo a mellor diferenza de goles igualados co líder, con sete goles máis tanto anotados coma encaixados.
O mellor equipo cando se trata de xogar ante a súa propia afección, con só dous empates e unha única derrota sufrida ante os nosos ademais de dez vitorias, é o terceiro mellor cando sae lonxe das Eiroas. A domicilio só foron quen de gañar en sete ocasións e un empate no García Calvo contra o Negreira. En canto a derrotas, marcharon do Couto, Espiñedo, Santa Mariña e A Magdalena sen puntos nin goles ao seu favor recibindo dous goles no Carballiño sendo a derrota máis avultada do que vai do curso.
A nivel individual hai moitos xogadores que salientar. Comezando con Borja Facal, capitán do clube carballés e un dos seguros sobre o verde, e seguindo co outro ex da Esedé Nacho, o que máis chama a atención son, a día de hoxe, os números de Rubén Rivera. O dianteiro coruñés suma un total de 15 goles xogando case tódolos minutos cos seus e superando por un a Primo.

A defensa, o máis importante.
Un Compos que encaixou só un gol máis dende a sexta xornada que nas cinco primeiras amosando unha mellora moi importante recibirá a un Bergantiños que suma dous goles de media por partido. Ante isto, hai algo moi claro: hai que deixar a porta a cero contra un equipo que quedou sen marcar nas súas cinco derrotas.
Non obstante, malia ser dous equipos con moito gol, de cumprirse o guión non se verán moitos goles en San Lázaro nun partido que se gañará dende os bancos. Un encontro que se prevé táctico e que, ao igual que na primeira volta, gañará o que sexa quen de adiantarse. Hai que salientar tamén que, malia non ver porta en cinco encontros, o Bergantiños non rematou ningún partido con empate sen goles.
O Compos, que está a facer unha tempada para o recordo, terá diante un rival de categoría para buscar a que pode ser a undécima vitoria consecutiva no mesmo campo no que consumou a súa última derrota ata o de agora, alá polo mes de outubro contra o Barco.

Un Clásico do noso fútbol.
Esta será a décima ocasión na que Compostela e Bergantiños se enfronten, quinta en Santiago. E, dende a primeira cita hai 32 anos, resultados igualados cos nosos conseguindo gañar catro dos últimos cinco enfrontamentos, dous deles en San Lázaro.
Na capital galega, o Bergantiños só foi quen de sumar de tres no primeiro precedente, que rematou con vitoria pola mínima para os de Carballo. Tamén houbo goles, un por lado, na seguinte ocasión na que se enfrontaron en Santa Isabel conseguindo o Compos o primeiro punto na casa contra este rival. Máis sorte houbo nas dúas últimas visitas dos carballeses a San Lázaro, cun 3-0 en 2013 e un 4-2 a pasada tempada, con goles de Tomás, Rubén, Taboada e Mon.
En canto ao último precedente, que data de outubro do pasado ano nesta mesma tempada, o resultado, aínda que curto, foi moi positivo para os nosos. Un so gol de David Uña aos dez minutos foi suficiente para encadear o que era a segunda vitoria consecutiva a domicilio despois de bater ao Barbadás sete días antes.

Con todo.
Despois de perder a pasada xornada a Naveira e Santi por acumulación de amoestacións, Yago Iglesias poderá contar para este partido con todos os seus homes. Non obstante, Róber e Alex Ares chegarán a este partido despois dunha viaxe a Benidorm e un partido o pasado mércores co combinado galego amateur, que non foi quen de dar a volta á eliminatoria.
Pensando na visita á Lomba de Ponteareas, Róber e Samu chegan a esta cita con catro cartóns amarelos, polo que non poderían estar ante a Cultural Areas de ver un novo cartón ante o bergantiñáns.

Día do clube, día de Compos.
O domingo ás 17 horas, San Lázaro abrirá as súas portas para acoller un dos mellores partidos do curso. Para o encontro, que como xa dixemos é considerado como 'Día do Clube', terán que pasar por taquilla tamén os aboados. As entradas terán un prezo de 15 euros para os non aboados maiores de 18 anos e o prezo habitual de 5 euros para os rapaces entre 13 e 17 anos. Por contra, os aboados maiores de idade terán que pagar 5 euros. Poderán retirarse tanto nas oficinas do estadio coma na taquilla o mesmo día de partido amosando o carné de socio e o DNI.
Para quen non poida achegarse ao teatro branquiazul, poderá seguirse en directo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderá escoitarse en directo en 'Esedé Radio', na web oficial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario