Aumenta a emoción

Caer estaba permitido. A loita polo primeiro posto da promoción aumenta a súa emoción coa derrota do Compos contra un Bergantiños que soubo xogar as súas cartas á perfección. O equipo de Yago Iglesias non deixou de insistir sobre a portería de Cristopher ata o minuto noventa ante un conxunto que, á contra, foi demoledor en cada unha das súas chegadas. Un total de catro goles, dos que só un subeu ao marcador, deixan unha clara mostra do que ocorreu sobre o verde de San Lázaro.
Nun partido con numerosas oportunidades nas dúas porterías, entre as que salientan as levadas a cabo polo Bergantiños, Iago López foi o único que atinou a marcar un gol legal, aos que sumar dous máis anulados por fóra de xogo e outro por falta ao porteiro. Moita tensión, intensidade e emoción no que foi, sen dúbida, o mellor partido da categoría e que nos deixa con tres puntos máis ca os carballeses coa diferenza de goles entre un e outro equipo igualada logo da vitoria branquiazul co mesmo resultado na primeira volta nas Eiroas. 


Donos da pelota. 
Non hai discusión posible. O Compos foi dono da pelota dende o arrinque do partido. Os locais buscaron impartir a súa lei facéndose coa posesión da pelota. Non obstante, ante un equipo que saiu a defender e producir chegadas a base de rápidos contraataques. Con todo isto, as primeiras ocasións chegaron pola banda dereita, con centros de Saro que non atoparon rematador por moi pouco. 
Santi, Primo, Ares, Cardeñosa... Moitos foron os que buscaron poñer en apuros a Cristopher sen sorte topándose cun muro defensivo moi forte e seguro. Así é que un gran número de chegadas non puido chegar a bo porto merecendo aínda así chegar ao tempo de lecer por diante no marcador. 

Moito perigo á contra. 
O plan estaba claro. Ante unha Esedé á que lle gusta xogar coa pelota a mellor idea era defender todo o posible e buscar a portería defendida por Lucas á contra aproveitando a velocidade dos seus atacantes. Con moito perigo en cada oportunidade, Rodri asinou a primeira ocasión visitante cun disparo picado que saiu por enriba do longueiro. 
Logo dun primeiro tempo no que non foron quen de crear máis oportunidades perigosas, máis sorte tiveron logo do paso por vestiarios, cando cambiou o rumbo do partido. Lucas tivo moito traballo durante os primeiros vinte minutos e, entre esas importantes ocasións, chegou o gol. Un gol de Iago López logo dun centro ao primeiro pau de Aarón e ante o que nada puido facer tanto a defensa coma o gardamallas branquiazul. 

Emoción en aumento. 
Media hora dende o gol do Bergantiños ata un final no que puido pasar calquera cousa. O Compos, que case non provocara perigo nos primeiros intres do segundo tempo, volveu ao guión da primeira parte. Posesións longas, buscando con insistencia ocos nunha defensa formada por once homes. Con todo isto, os nosos tiveron ata o final a oportunidade de, polo menos, empatar.
Xogando os dez minutos finais en campo contrario, o gol da igualada puido chegar xa no engadido. Centro dende a banda esquerda, Cristopher e Sobrido saltan á vez sen conseguir chegar ningún a unha pelota que lle cae a Primo e este non perdoa. O colexiado, non obstante, decidiu anular o gol interpretando que houbo falta sobre o gardamallas.

Finalmente, o Compos segue no máis alto da clasificación con tres puntos por enriba do Bergantiños e supera en trece puntos ao quinto clasificado, o Somozas. Agora, para volver ao camiño da vitoria, o equipo debe preparar agora a visita á Lomba de Ponteareas para enfrontarse a un Cultural Areas metido de cheo na loita por non descender. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Casas, Naveira; Mon, Tomás; Alex Ares, Róber (Sobrido, min. 79), Santi (Diego Rey, 58); e Primo. 
CARTÓNS: Amarelo para Naveira. 
GOLES: 0-1 62' Iago López. 
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario