A Nosa Loita (Xornada 27)

Ata aquí. Acabou unha xeira histórica dun Compos que segue a liderar a táboa clasificatoria superando por tres puntos ao seu principal perseguidor e verdugo na pasada xornada despois de case unha volta enteira sen perder. O Bergantiños, que gañou en San Lázaro catro meses despois de que o fixera o Barco, mantén vivas as súas opcións de ser campión de grupo. O equipo de Valdeorras segue polo bo camiño e asegura o terceiro posto mínimo por dúas semanas máis. O Alondras, que se meteu na loita pola promoción hai escasas xornadas, xa é cuarto. O Somozas non quere perder de vista os postos privilexiados que lle permitan volver ao fútbol nacional. O Racing Vilalbés non é quen de volver ao bo camiño e suma a súa segunda semana sen gañar. O Arousa únese a unha loita cada fin de semana máis intensa e interesante. O Silva, para pechar esta lista cada vez máis longa, mantén as súas opcións cada vez máis despois de só unha vitoria en cinco partidos.

Máis en menos.
Hai só unhas horas, a diferenza entre o líder, que segue a ser o Compos, e o quinto clasificado era de dezaséis puntos. A día de hoxe, esa é a distancia entre os nosos e o oitavo nunha liga cada vez máis igualada e con máis rivais que buscan facerse un oco entre os catro primeiros con tres equipos que semellan ter pé e medio nunha promoción que se presume moi cara. Unha promoción polo que agora hai un pretendente máis grazas aos seus partidos na casa.
Arrincamos co mellor partido da xornada. Enfrontamento igualado, con dous estilos moi diferenciados e cun resultado moi axustado. O Compos, dono da pelota, non foi quen de superar a unha defensa forte e sen ocos. O Bergantiños, que case non puido saír do seu campo durante o primeiro tempo, aproveitou a súa oportunidade máis clara para levarse un triunfo merecido cun final polémico que puido rematar en empate.
Barco e Racing Vilalbés, que chegaba a esta xornada como cuarto clasificado, pecharon os enfrontamentos entre os catro primeiros esta pasada fin de semana na Magdalena. Partido tamén moi igualado en terras luguesas e que deixou como gañador a un Barco que se permite ter un colchón de puntos importante sobre o cuarto e quinto clasificados. Ivi Vales, autor do tanto dun triunfo moi importante.
Agora mesmo, ese cuarto posto que deixou o Vilalbés coa súa derrota é para un Alondras que encadea tres vitorias consecutivas e sete xornadas sen perder. O equipo do Morrazo conquistou tamén A Grela contra un Silva que vai de máis a menos caendo ao oitavo posto. Dous goles de Jonas fan que outro equipo asalte esa posición aínda sen un dono claro, con cinco equipos en tres puntos.
Os mesmos puntos, 47, son os que suma a día de hoxe un Somozas que quere cumprir cos pronósticos do principio de tempada que o situaban na promoción ao final da tempada. O conxunto somocense visitou Barraña no partido entre dous equipos que o pasado curso militaban na mesma categoría á que soñan volver o antes posible. Non obstante, o bo momento polo que pasa o cadro da Ferrolterra quedou claro coa remontada ao gol de Cano. Jacobo e Óscar deron a volta ao marcador na primeira metade mentres que Gerardo e Monroy pecharon unha goleada moi importante que non lle permite polo de agora ocupar un deses postos importantes.
E rematamos co derbi do Salnés. Na Senra, o Ribadumia foi a nova vítima dun Arousa fóra das quinielas hai escasas xornadas. Agora, o equipo de Vilagarcía está sétimo a só dous puntos do cuarto posto grazas, en gran parte, a non sumar ningunha derrota na Lomba. Os arlequinados encadearon a súa duodécima xornada sen perder a costa dun rival que segue na parte tranquila da clasificación. O gol, obra de Manu Justo no primeiro tempo.

Ascenso e descenso.
Cada día queda menos para que chegue o 13 de maio, día marcado en vermello na Terceira galega no que se dará por finalizada a tempada. Doce xornadas por diante nas que se xogarán moitas cousas, con moitas emocións sobre o terreo de xogo. Un final de campaña que arrinca con enfrontamentos entre as dúas partes.
O líder terá que visitar Ponteareas. Cultural Areas e Compos loitarán por razóns moi diferentes. E é que o cadro pontevedrés ocupa o primeiro posto de permanencia, a un punto do descenso e, a día de hoxe, precisando dun ascenso de categoría para non volver á Preferente. A Esedé, pola súa parte, buscará volver ao camiño dos tres puntos mantendo a súa diferenza con respecto ao segundo clasificado. O partido está marcado para o domingo ás 17:30 horas.
O Bergantiños buscará o cuarto triunfo consecutivo na súa casa. Nas Eiroas, o Vilalonga pelexará por deixar o último posto da clasificación e conseguir o camiño á vitoria, algo que descoñece dende o pasado mes de outubro en Negreira. Diante estará un equipo que, logo de superar ao Compos en San Lázaro, quere manterse con opcións de asaltar o primeiro caixón da táboa. Domingo ás 17 horas en Carballo.
Con cada semana máis seguridade e un posto case asinado, o Barco recibirá en Calabagueiros a un Boiro que só puido facerse con tres dos quince últimos puntos en xogo. Os ourensáns, que superan en seis puntos ao quinto e teñen o primeiro posto a sete, seguirán sendo terceiros pase o que pase. Diante terán a un rival que marca os postos de tranquilidade, dos equipos que arestora non poden loitar por nada.
O último en entrar nos postos de promoción de ascenso, o Alondras, tamén terá que defender a súa posición ante os seus. O Municipal do Morrazo abrirá as súas portas para recibir a un Ribadumia que só gañou un dos últimos seis partidos. Os cangueses pola súa parte, buscarán o cuarto triunfo consecutivo e a oitava xornada sen perder.
Despois do Bergantiños, o seguinte en visitar San Lázaro será o Somozas. O equipo da Ferrolterra terá que recibir antes no Candocia a un Barbadás que está a só un punto da permanencia. Os locais, igualados a puntos co Alondras, queren manter as súas opcións pola promoción de ascenso ante a súa afección. Domingo ás 17 horas nas Somozas.
Na Illa de Arousa poden quedar parte das opcións do Racing Vilalbés. O cadro lugués, o peor dos dez primeiros cando se trata de xogar lonxe da casa, terá que buscar os tres puntos no único campo no que ata o de agora non houbo reparto de puntos, con sete triunfos visitantes. O Céltiga, pola súa parte, conta cunha diferenza importante sobre o descenso pero coa permanencia aínda lonxe.
En Vilagarcía, na Lomba, situación semellante á do partido antes nomeado. O Arousa está a dous puntos do cuarto clasificado e pode buscar a súa quinta vitoria en seis partidos nun campo onde, de momento, ninguén foi quen de facerse cos tres puntos. O Laracha, que buscará dar a sorpresa para afastarse do descenso, quere ser o sétimo que sae da Lomba con puntos. Suman ata o de agora catro xornadas sen perder.
E pechamos este capítulo en San Lázaro, aínda que neste caso no de Noia. O cadro noiés, en serio perigo malia sumar 7 dos últimos 9 puntos en xogo, recibirá na súa casa a un Silva con só un triunfo nos cinco últimos partidos. Un xogo onde o que perda pode quedar moi tocado con tres puntos moi importantes para ámbolos dous conxuntos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario