A Nosa Loita (Xornada 26)

Unha semana máis desputada na Terceira galega e unha semana menos para chegar ao obxectivo dun Compos que se aproveitou a pasada fin de semana dos demais resultados. O cadro de Yago Iglesias sumou de tres unha semana máis, e van dez consecutivas, mantendo os seis puntos de diferenza con respecto ao Bergantiños, que tampouco perdoou. Ademais, nin Barco, Racing Vilalbés, Somozas nin Silva foron quen de gañar co Alondras aproveitándose para colocarse quinto. Así, a Esedé pecha a xornada 25 con dezaséis puntos máis ca o cadro cangués.

Xornada redonda.
Comezamos cun partido moito máis complicado do que facía pensar a clasificación. O Compos superou pola mínima, cun gol de Róber, a un Barbadás que buscou dar a sorpresa no campo onde os nosos sumaron a súa última derrota ata o momento, alá polo mes de outubro. Non obstante, o equipo branquiazul soubo controlar o xogo e mantivo a súa vantaxe, curta pero suficiente, grazas a unha gran actuación tanto da defensa coma de Lucas. Por parte do conxunto ourensán hai que salientar a gran imaxe que amosou o porteiro Rui, pesadelo dos atacantes locais.
Os mesmos problemas os deu o Negreira nas Eiroas. O Bergantiños, obrigado a gañar para non perder de vista o primeiro posto, contou con numerosos problemas para bater a portería defendida por Rodri. Os de Nacho chegaron ao treito final sen conseguir ver porta ata que, a catro minutos para o final, Borja Facal fixo o primeiro. Menos de dous minutos máis tarde, Pablo Antas pechou o partido co segundo gol, sen tempo posible de reacción.
Once xornadas despois chegou a derrota. O Barco sumaba un total de catro vitorias consecutivas e seis máis sen perder ata que chegou un Laracha que busca fuxir dos postos de descenso coa segunda vitoria seguida, terceira xornada sumando. Ao igual que no partido xogado en Carballo, o Barco non foi quen de superar ao cadro en principio inferior mais nesta ocasión foi o cadro larachés o autor dun gol. A tres minutos para o final, Álvaro asinou o único gol co que volveron ao Municipal con cinco puntos máis ca o Negreira.
O gran partido da xornada, o que se xogou no Candocia entre Somozas e Racing Vilalbés, rematou igual que arrincou. Empate sen goles nun xogo onde estaba en xogo o cuarto posto e no que o cadro lugués pagou moi caro o manter a súa posición privilexiada con este punto con dous expulsados e cinco amoestados máis. O Somozas, pola súa parte, mantén a sexta posición igualado a puntos co quinto e o sétimo.
Esta última xornada entrou de cheo na pelexa o Alondras. O equipo cangués encadea 6 xornadas sen perder e conseguiu achegarse así ao que semella ser o seu obxectivo principal. Quintos clasificados, superaron a pasada fin de semana a un Choco que se conformará esta tempada con acadar a permanencia. Jonas, o gran protagonista da tarde, asinou os dous goles no Morrazo no encontro que abriu a xornada.
Para rematar, un enfrontamento entre dous equipos que poderían rematar a tempada nos postos altos. Arousa e Silva, oitavo e sétimo respectivamente, deixaron un bo partido con goles e emoción que coloca ao cadro vilagarcián a catro puntos do Racing Vilalbés. Xa no segundo tempo, o Silva adiantouse grazas a un gol de Movilla ao que rápido contestou Vitra para os locais. Xa no engadido, Sergio Santos confirmou a remontada vilagarciá co segundo e definitivo.

Máis que tres puntos.
A xornada 26 chega con ata catro partidos moi fortes e importantes na Terceira galega. Entre eles salienta o que se xogará en San Lázaro entre Compos e Bergantiños no que os carballeses xogaranse as súas opcións de manterse na loita polo primeiro posto. Ademais, Racing Vilalbés e Barco completarán os enfrontamentos entre os catro primeiros. O resultado anterior buscarán aproveitalo Silva e Alondras mentres que o Somozas visitará Barraña.
Con horario xa coñecido, o partido marcado como 'Día do clube' en casa Compos e polo que haberá que pasar por taquilla, o mellor encontro da xornada, un dos mellores que se poden ver no fútbol galego a día de hoxe, enfrontará á Esedé cun Bergantiños que non perde dende a primeira cita do ano. A histórica xeira de 10 vitorias consecutivas, en xogo contra un rival de gran nivel. Domingo ás 17 horas.
A Magdalena agocha a terceira posición. O Racing Vilalbés, cuarto, recibirá na súa casa ao Barco, terceiro, noutro dos partidos na parte máis alta da clasificación e sobre o que estarán postos máis ollos. Deste resultado poderían aproveitarse ata tres equipos, que tamén xogarán entre si nesta fin de semana moi completa. Domingo ás 16:30 horas.
Na Grela, poderán verse a dous equipos igualados a puntos. O Silva recibirá ao Alondras dende a sétima praza cun empate na táboa que buscarán desfacer co cuarto posto moi preto e que un deles podería asaltar de conseguir un bo favor do Barco. Abrirán a xornada do domingo co encontro ás 12 da mañá.
E rematamos cunha nova cita en Barraña. O Boiro, que pechou unha mala xeira de tres derrotas consecutivas, recibirá a un Somozas que suma ata o de agora catro xornadas sen gañar, un mal momento que o fixo perder o cuarto posto. O cadro da Ferrolterra, non obstante, buscará aproveitar os enfrontamentos dos seus predecesores na táboa para volver á promoción de ascenso. Pecharán a xornada dende as 17:15 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario