Sinónimo de ascenso?

Nesta derradeira xornada do 2017, o Compos acadou un novo campionato de inverno. Un recoñecemento que, malia non contar para nada importante, tivo un gran porcentaxe de equipos ascendidos nas últimas tempadas. De feito, agás o Cerceda en dúas ocasións, seis dos últimos oito campións de inverno conseguiron o ascenso ao final da tempada, todos eles rematando no primeiro posto da clasificación ao final das 38 xornadas.
Compos, Fabril, Ourense, Racing de Ferrol e Pontevedra acadaron xa o seu obxectivo de subir de categoría logo de, meses antes, chegar ao final da primeira volta do campionato no máis alto da clasificación. Un feito ao que acompañar outro dato importante para a historia da Esedé e é que nunca antes rematou unha primeira volta de 19 partidos con 42 puntos no seu haber en categorías nacionais, dato que superou na Preferente Norte 2011/12 sumando un total de 46 de 57 puntos posibles cunha soa derrota no casilleiro.

2009, ano a ter en conta.
Non foi, nin moito menos, a última tempada do Compos na Terceira división ata o momento mais si que se pode falar do último campionato de inverno dos nosos nunha categoría nacional. Unha tempada complicada para o cadro adestrado por Baleato, con rivais importantes da talla de Ourense, Somozas, Montañeros ou Rápido de Bouzas; e que saldou cunha metade de campionato case perfecta.
Un equipo que tardou 20 xornadas en perder por primeira vez na tempada, con oito empates e once vitorias ata o mes de xaneiro, e que sumou un total de 41 puntos conseguindo, ademais, unha xeira de cinco triunfos consecutivos, dato que superou na segunda volta con sete vitorias seguidas. A iso hai que engadir outro dato que o cadro de Yago Iglesias deixou totalmente desfeito: os 35 goles con só dúas xornadas sen ver portería.
Malia sumar ata tres derrotas no que vai de campaña, o equipo branquiazul superou ese número de puntos. 42 de 57 puntos posibles para os nosos cun total de 13 vitorias e 3 empates, un máis que un Bergantiños que non perde de vista o primeiro posto do campionato. A iso hai que engadir outro dato moi importante e que deixa en mellor lugar ao conxunto adestrado por Yago Iglesias: os 44 goles que o colocan coma un dos equipos máis acertados de cara a porta dos últimos tempos na Terceira galega. Outra estadística que fala ben do noso equipo é que o máximo goleador da Esedé, Primo, non está sequera entre os cinco máximos goleadores do grupo, cun total de trece goleadores diferentes.

42 puntos, dato histórico.
Esta non é a primeira vez na que o Compos remata unha volta con 42 puntos en total. De feito, hai 22 anos que conseguíu a mesma puntuación nunha categoría superior, moi superior. De feito, na 1995/96, primeira tempada na que cada vitoria contaba con 3 puntos e cun total de 22 equipos, o equipo adestrado por Fernando Vázquez pechou a primeira volta rematou subcampión de inverno por diante de Barcelona, Madrid e demais, só superado polo Atlético de Madrid.
Non obstante, a segunda volta daquel campionato non é algo que lembrar. O equipo rematou o campionato na zona tranquila, 10º na táboa, despois de sumar 17 puntos en 21 xornadas grazas a 4 vitorias e 5 empates entre os que figura o acadado ante o Real Madrid en San Lázaro.

Seis de oito.
Ata o de agora, os seis dos últimos campións de inverno conseguiron o ascenso á Segunda B. De feito, o único equipo que non foi quen de subir de categoría foi o Cerceda, capaz de rematar líder na primeira volta pero non así na segunda e quedando ás portas do ascenso. 
O Compos hai xa oito anos, Fabril, Ourense, Racing de Ferrol e Pontevedra foron quen tanto de pechar a primeira metade do campionato coma campións de inverno coma, meses despois, rematar o curso no alto da clasificación e acadar o desexado ascenso á categoría de bronce do fútbol nacional. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario