Festa despois do temporal

O Compos terá este domingo a oportunidade de pechar este ano 2017 do mellor xeito posible. Un equipo regular, con moito gol e forte a domicilio terá en Santa Mariña a ocasión de rematar a primeira volta como campión de inverno, algo que non consegue o equipo da capital dende hai moitos anos, aínda na Preferente Norte. Diante, para impedilo, estará un Choco que buscará os tres puntos que o manteñan vivo na loita por entrar nos postos de promoción de ascenso. 


Mirando ao alto.
O Choco non perde aínda a esperanza de rematar este 2017 entre os catro primeiros clasificados. O equipo redondelán, no que a pasada tempada militaba o branquiazul Róber, quere acadar por terceira vez na súa historia os postos de promoción de ascenso á Segunda B. Mais, para iso, buscará finalizar de boa maneira a primeira volta do campionato regular recibindo na súa casa ao líder da categoría e mellor equipo visitante do grupo. 
O cadro de Santa Mariña é arestora 8º clasificado con 31 puntos, a só 3 do terceiro e o cuarto clasificados. Un equipo con pouco gol, sendo o menos acertado de cara á porta dos dez primeiros da táboa, e o terceiro que máis anota nesa primeira metade do campionato, só superado por Somozas e un Compos que encaixou dous goles nos catro últimos encontros. 
En canto aos seus encontros en Redondela, trátase dun dos mellores equipos coma local facendo 22 puntos, dato que só supera o Bergantiños cun partido máis. 16 goles a favor e só 6 en contra avalan a un equipo que perdeu ante Somozas na primeira xornada na casa do curso e que empatou no mes de setembro contra o Alondras pasando máis de dous meses sen perder puntos na casa e recibindo só dous goles dende o mes de outubro, encaixados ámbolos dous contra o Boiro e mantendo a boa xeira cun gol no engadido.
A nivel individual cabe lembrar que un dos seguros en defensa deste conxunto é o ex do Compos Javi. O central vigués, que chegou ao equipo adestrado por Iñaki Alonso dende o Alondras para non contar case con oportunidades, está a xogar unha boa parte dos minutos no seu novo equipo, ao que chegou procedente do Coruxo o pasado mes de xaneiro. A el hai que engadirlle ao gardamallas Cortegoso, un dos mellores da categoría, e os goles de Antón Escobar e Óscar Castellano, autores de 5 e 4 goles respectivamente. 

Moitos anos despois. 
Dende xaneiro de 2012, case seis anos atrás, o Compos non é quen de rematar unha primeira volta no máis alto da clasificación. Naquela ocasión, logo de empatar ante o Boiro, a Esedé pechou unha primeira volta do campionato case perfecta, perdendo só unha cita contra o Dumbría e empatando en catro encontros ante equipos coma Laracha ou Boiro, rivais tamén na presente tempada. Iso foi nunha Preferente da que os nosos non tiveron problemas para saír meses despois sumando un total de 87 puntos. 
Para vivir algo semellante na Terceira hai que remontarse ata xaneiro de 2009, cando o equipo dirixido por Baleato arrincou un novo ano co campionato de inverno logo dun primeiro treito do campionato case perfecto. Sen derrotas que laiar e superando na clasificación a equipos coma Alondras, Céltiga, Vilalonga, Somozas ou Arousa, cos que tamén comparte categoría a presente campaña, ou ben os que actualmente militan na Segunda B Cerceda, Coruxo e Rápido de Bouzas, aos que engadir ao xa desaparecido CD Ourense, que non sería capaz de superar ao Caravaca na derradeira rolda polo ascenso quedando a un gol da división de bronce. 

A historia, moi igualada.
Dende que en 1963, na segunda tempada da historia do noso clube, se enfrontaran por primeira vez Choco e Compostela na Terceira división, os camiños dos dous equipos cruzáronse en tres cursos máis. Un total de oito enfrontamentos entre Santiago e Redondela que deixan moi ben aos nosos, que nunca perderon, pero que, de falar dos xogos na vila pontevedresa as cousas cambian un pouco. 
En 1963, na primeira tempada do Compos na Terceira división da súa historia, a historia destes enfrontamentos arrincou do mellor xeito posible para os nosos intereses. De feito, a Esedé sumaría tres puntos grazas a unha goleada por 1 gol a 7. A primeira... e a única a domicilio. Despois, tres empates noutros tantos encontros, sempre con goles, entre os que chama a atención o 3-3 en 1966. 
A última visita do Compos a Santa Mariña, a tempada pasada e 50 anos despois da anterior, rematou tamén con empate grazas aos goles de Róber e Tomás, dous homes agora mesmo nas filas branquiazuis. Dita igualdade confirmouse tamén na segunda volta, hai uns meses, cun novo empate en San Lázaro no que Santi e Diego Rey fixeron os goles dos nosos e no que Róber volveu dar un punto aos seus con dous goles anotando o último a menos de quince minutos para o final. 

Camiños diferentes, obxectivos semellantes. 
O Compos está a facer unha tempada case sobresaínte. Moita efectividade de cara a porta, máis de dous goles de media por partido, deixando poucos puntos polo camiño, ben en labores defensivas, con minutos para todos e insuperable a domicilio. Agora mesmo, agás a regularidade en canto a xogo, poucos peros se lle poden poñer a un equipo que non só suma tres vitorias consecutivas senón que, ademais, non perde dende o mes de outubro, cando non puido marcar nin puntuar na casa contra o Barco. 
Pola súa parte, do gran momento polo que está a pasar a Esedé aos problemas que semella ter o Choco para ser regular. Conseguiron a súa primeira vitoria na xornada 4 e a segunda un mes despois. Un moi mal arrinque de curso dos redondeláns, que contaron con baixas importantes durante o verán entre as que se atopan Róber e Diego Silva, que a piques estivo de asinar pola Esedé pero que finalmente defende as cores do Coruxo na Segunda B dende agosto. Nas últimas datas, non conseguiron pasar do empate sen goles nos Carrís despois dunha vitoria moi importante contra o Boiro na que foi a sexta vitoria consecutiva dos redondeláns en Santa Mariña. 

Dúas grandes xeiras en xogo. 
O Choco é un dos mellores equipos cando xoga como local. A unha xornada para rematar a primeira volta, o equipo de Marcos Montes pode ser o mellor ante a súa afección de facerse cos tres puntos. Para iso asinaron un total de seis vitorias consecutivas en Santa Mariña, un empate e outra vitoria que fan esquecer un pouco a derrota asinada ante o Somozas. 
Uns datos semellantes son cos que conta o Compos a día de hoxe a domicilio. Cinco vitorias e dous empates separan o día de hoxe da última derrota branquiazul fóra da casa, colleitada ante o Racing Vilalbés no pasado mes de setembro por 4-1. Un dato que mellora isto é que, ademais, o Compos sempre marca cando sae da casa anotando un total de 19 goles e encaixando 11, sete deles nas dúas primeiras saídas. 

Todos dispoñibles. 
Para este partido, despois dunha fin de semana por parón pola Copa de Rexións da UEFA, na que o combinado galego conseguiu o pase á seguinte rolda con Alex Ares xogando de titular os dous partidos, Yago Iglesias poderá contar con todos os seus xogadores. Sen mancados nin sancionados, si hai que ter en conta que se chega con catro apercibidos. Álvaro Casas, Tomás, Mon e Uña non poderían estar ante o Silva no primeiro encontro do 2018 e que será un dos encontros salientables da primeira fin de semana do novo ano. 

O 17 ás 17.
O partido será este domingo, 17 de decembro, ás 17 horas en Santa Mariña, Redondela. As entradas para este derradeiro partido do 2017 terán un prezo habitual de 10 euros para os que non sexan aboados do Choco e, de novo, non será televisado. 
Para quen non poida asistir, poderá seguir o encontro en directo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario