Campións de inverno!

O Compos asinou tres novos puntos nun dos campos máis difíciles da categoría. Os tres últimos puntos deste 2017 que viaxan cara Santiago para confirmar ao cadro branquiazul como novo campión de inverno logo dunha gran primeira volta, histórica con récord de puntos nunha primeira volta na Terceira para o noso equipo. Para iso houbo que bater a un Choco que non puxo as cousas nada doadas e que obrigou a Lucas a traballar ao máximo, parando un penalti no primeiro tempo. 
O segundo tempo trouxo consigo os goles, obra de Tomás e Primo para a Esedé e de Pablo Couñago para o cadro local, que puxo contra as cordas aos nosos nos intres finais dun encontro con máis emoción que fútbol. 


Mal primeiro tempo. 
Durante os primeiros corenta e cinco minutos, aínda que si houbo ocasións nas dúas porterías, non se viu a intensidade que se esperaba entre o segundo mellor local da categoría e o que segue a ser o mellor visitante. Un equipo no que Róber e Alex Ares, que se levou gran parte das entradas por parte dos homes redondeláns buscando que o de Pontedeume non puidera mover ao equipo coas súas xogadas. 
As oportunidades de gol sobre a porta de Cortegoso, escasas, chegou máis ben no treito final antes do tempo de lecer. Pola súa parte, o Choco puido adiantarse antes da media hora de encontro cun penalti de Uña e que parou Lucas a Gabi Misa.

De menos a máis. 
O Compos mellorou durante os minutos finais do primeiro tempo e saiu mellor ao segundo. Mostra desa melloría é que non se precisaron máis de catro minutos para que Tomás, logo dunha carreira dende o centro do campo, superara a Cortegoso cun potente disparo. Gol importante para a escadra visitante con máis de corenta minutos por diante para aguantar o resultado e buscar un segundo gol. 
Non obstante, o Choco non se botou atrás na busca do gol do empate. Tiveron unha nova oportunidade para superar a un seguro Lucas pero ese paso adiante do equipo de Redondela só serviu para que o Compos atopara ocos e, logo dun centro de Rubén dende a banda, gol de Primo para encamiñar a vitoria e levar ao Compos ao campionato de inverno a quince minutos para o final. 

Emoción ata o final. 
Malia gañar con dous goles de diferenza, ben sabemos que ata o asubío final pode pasar calquera cousa. De feito, a un minuto para o final do tempo regulamentario chegou un gol local, obra de Pablo Couñago, co que poñer un pouco os nervios no campo de Santa Mariña. Non obstante, nin con seis minutos de engadido, foi quen de igualar o resultado o equipo local, que perdeu na casa case catro meses despois. 

Campións de inverno.
Con este triunfo, o Compos conseguiu un novo campionato de inverno, algo que non era quen de conseguir na Terceira división dende 2009 e asinando 42 puntos, algo histórico para o clube santiagués na cuarta categoría do fútbol español superando nun punto ao Bergantiños e cinco sobre o terceiro e cuarto clasificados nunha xornada na que gañaron os cinco primeiros abrindo unha diferenza maior sobre os perseguidores.

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Casas, Uña, Naveira; Mon, Tomás; Róber, Alex Ares (Alberto, min. 85), Primo (Sobrido, min. 89); e Santi (Rubén, min. 69).
CARTÓNS: Amarelo para Uña, Mon, Lucas e Naveira.
GOLES: 0-1 49' Tomás, 0-2 74' Primo, 1-2 89' Pablo Couñago.
CAMPO: Santa Mariña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario