Na espera dun erro

Chega a penúltima saída deste ano 2017 e o Compos terá que enfrontarse ao Vilalonga en San Pedro na que podería ser a sexta vitoria a domicilio desta primeira metade de curso. A iso hai que engadir que a Esedé abrirá unha tarde de domingo na que podería haber ata tres líderes diferentes co Silva xogando o sábado e o Bergantiños pechando a xornada corenta e cinco minutos despois do remate da cita dos nosos.
O equipo de Sanxenxo recibirá ao segundo clasificado coa única intención de alonxarse dos postos de descenso cunha vitoria dez xornadas despois. Fóra de perigo pero moi preto del, os celestes están metidos na peor xeira posible sendo o equipo que menos puntos conseguiu nas cinco últimas xornadas, con catro derrotas consecutivas.


Unha de oito. 
Se hai un dato, moi negativo, que acompaña ao Vilalonga esta tempada é que se trata do peor equipo como local de todo o grupo. Os sanxenxinos superaron ao Céltiga na segunda xornada do campionato... e aí rematou o seu capítulo de vitorias na casa. En canto a empates, contra Alondras a un gol e ante o Silva sen goles dando unha das sorpresas ata o de agora contra un conxunto que estaba intratable sobre o terreo de xogo. 
Cun total de 14 puntos, só 5 deles na casa, recibiron en San Pedro a equipos coma Silva, Boiro ou Bergantiños conseguindo ante eles 1 de 9 puntos posibles. A iso hai que engadir que ante a súa afección anotaron un total de 6 goles e encaixando 13, seis nos dous últimos xogos contra Laracha e Boiro. Ademais, suman un total de catro encontros a domicilio sen anotar. Ademais, só un gol ao seu favor nas últimas oito citas. 
A nivel individual, Aarón é o xogador máis en forma do cadro da Comarca do Salnés. O dianteiro celeste suma xa 7 dos 12 goles do seu cadro, máis da metade do total. 

O mellor e o peor. 
Este domingo en San Pedro enfrontaranse o mellor equipo visitante e o peor equipo local. Un partido que pode axudar aos nosos a seguir metido de cheo na loita polo primeiro posto e a alonxarse dos perseguidores e aos locais a fuxir das proximidades do descenso á Preferente.
O Compos sumou ata o de agora un total de cinco vitorias a domicilio, dous empates e unha derrota. Ademais, é un equipo que anotou polo menos un gol en tódalas súas saídas facendo un total de 17 goles en oito saídas, algo más de dous de media por xogo. En contra, outros dez goles recibindo un total de sete nos enfrontamentos ante Ribadumia e Racing Vilalbés nas dúas primeiras excursións.
Por contra, o Vilalonga non está a dar boas novas á súa afección conseguindo mellores resultados cando non xoga en San Pedro. Un triunfo e dous empates acompañan ás cinco derrotas consumadas ata o de agora. A iso hai que engadir que non puntúan de tres na casa dende a segunda xornada do campionato, en agosto contra o Céltiga.

Moito en xogo.
O cadro branquiazul buscará seguir polo bo camiño despois de superar a un Negreira moi feble en defensa e tentará acadar a súa sétima xornada consecutiva sen coñecer a derrota igualando os oito encontros sen perder no treito final do pasado curso. 
Pola súa parte, o Vilalonga chega de perder contra o Barbadás nun partido importante na zona baixa da clasificación, nun enfrontamento directo pola salvación da categoría. Ademais, tentarán conseguir un bo resultado ante os seus seareiros ao igual que fixeron contra o Silva. 

Dúas vitorias e ningunha derrota.
Os enfrontamentos entre Vilalonga e Compos en San Pedro remataron sempre con bos resultados para os nosos. Dúas vitorias, en 1990 e 2009, e tres empates con goles avalan a un Compos que sempre marca polo menos un gol no campo sanxenxino. 
A pasada tempada, hai xusto un ano, comezou coa vitoria local grazas a un gol de Iker ao arrinque do xogo. Un partido que a Esedé rematou con dez pola expulsión de Cardeñosa e a mellor estrea de Recoba na súa volta á casa. O xogador uruguaio saltou a media hora para o final do encontro e no engadido bateu a Iván Parada cun gran tanto. 

Dúas baixas moi importantes. 
Para este partido, Yago perderá por acumulación de amoestacións a Alex Ares. O de Pontedeume acompañará na bancada a un Cardeñosa que tampouco poderá estar por lesión perdéndose a segunda xornada consecutiva. Por contra, podería recuperar a Alberto para esta cita. Ademais, Álvaro Casas e Tomás saltarán ao terreo de xogo apercibidos de sanción de ver un novo cartón amarelo. 

Domingo pola tarde. 
Despois de recibir na casa ao Negreira un sábado, volvemos aos domingos. Máis exactamente, San Pedro abrirá as súas portas ás 16:15h xa co resultado do Silva-Racing Vilalbés coñecido. Un partido para o que as entradas estarán ao prezo habitual de 10 euros. 
Para quen non poida achegarse ao pobo do Concello de Sanxenxo, poderá seguir o encontro nas diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario