A Nosa Loita (xornada 18)

Gran xornada a vivida a pasada fin de semana para os intereses branquiazuis. O Compos é o novo líder en solitario da categoría logo de sumar tres puntos máis e aproveitando os empates de Bergantiños e Silva. Ademais, son xa cinco os puntos de diferenza que hai co cuarto clasificado, o Barco. Un posto que tamén cambiou de dono nunha fin de semana onde só a Esedé e o equipo ourensán sumaron de tres entre os seis primeiros clasificados.

Novo líder.
O sábado pola tarde, na Grela, arrincaba a xornada 16 do campionato. O Silva recibía na casa ao Racing Vilalbés nun gran encontro entre equipos da zona alta da táboa. Non obstante, o xogo non estivo á altura das expectativas e rematou sen goles. Un resultado que, por outro lado, puxo aos coruñeses segundos por un día e aos lugueses cuartos durante o mesmo tempo.
A tarde do domingo arrincou de xeito negativo. O Vilalonga recibiu aos nosos cun gol moi cedo nun mal partido por parte dos dous conxuntos. Non obstante, logo de errar un penalti, o Compos igualou o resultado cun gol de Mon a piques de chegar ao tempo de lecer. Logo do paso por vestiarios, Primo arranxou o seu erro dende os once metros e asinou unha remontada moi importante. Os nosos eran líderes a falta de rematar o encontro do Bergantiños.
O conxunto de Carballo recibía nas Eiroas a partir das 17 horas ao Arousa. Partido importante entre dous conxuntos favoritos a rematar entre os catro primeiros e que non defraudou. O equipo vilagarcián foi quen de dar a sorpresa nun dos campos máis difíciles da categoría cun gol de Marcos mentres que o Bergantiños tivo que agardar ata o segundo tempo para asinar a igualada, cun gol de Iago López dende o punto de penalti a dez minutos para o final e case sen tempo para manter o primeiro posto unha semana máis.

E novo cuarto.
O primeiro posto non foi o único que cambiou de mans. O Boiro partía o sábado no cuarto posto e non tardou en perder, aínda que de xeito momentáneo, a súa posición privilexiada. Co empate entre Silva e Racing Vilalbés, o equipo lugués foi o primeiro en ascender na clasificación ata o único posto arestora asequible para o resto de equipos que loitan por entrar na promoción.
O domingo pola mañá, O Couto abriu as súas portas para acoller un partido emocionante contra o Somozas e cumpriu coas expectativas entre dous conxuntos que non queren perder o camiño da promoción. O Somozas adiantouse moi cedo e o Ourense, en dous minutos, foi quen de dar a volta ao marcador. Un resultado co que se xogou durante case unha hora e que igualou o Somozas a cinco minutos para o final. Non obstante, o mellor estaba aínda por chegar e é que o conxunto da Ferrolterra anotou o 2-3 definitivo xa no engadido e sen tempo para unha posible reacción ourensá.
Outro que non quere perder as pisadas do cuarto clasificado é o Alondras. O equipo de Cangas recibía na casa a un Céltiga noutra loita moi diferente. O primeiro tempo, igualado, non deixou ningún gol mais o segundo foi moi diferente. Aitor Díaz, Tuno e José anotaron os tres goles do equipo local co que poñerse a dous puntos do cuarto.
E a gran sorpresa chegou en Santa Mariña. Choco e Boiro medían as súas forzas coa única intención de achegarse á Segunda B un pasiño máis. E, ademais, o equipo de Barraña tiña na súa man a posibilidade de achegarse tamén aos tres primeiros, aínda que para iso debía gañar primeiro. Mais o partido púxose de cara para os locais no arrinque do segundo tempo con dous goles en quince minutos. O Boiro foi quen de igualar o resultado a cinco minutos para o final e cando semellaba que habería un reparto de puntos, o Choco fixo o terceiro e definitivo.

Todo para o domingo.
A tarde do domingo contará con grandes partidos e moito en xogo. Tres equipos loitarán por facerse co primeiro posto mentres que ata seis conxuntos buscarán a outra praza, cada vez máis lonxe dos tres da cabeza.
San Lázaro pechará as súas portas ata o 2018 logo de recibir ao Arenteiro. Os homes de Yago Iglesias teñen na súa man a oportunidade de manter o primeiro posto unha semana máis ante un rival que non quere perder a súa categoría de 'equipo revelación'. Tres xornadas sen coñecer a vitoria levan a día de hoxe ao conxunto do Carballiño ata a undécima posición, a seis puntos do Barco.
Tamén como local, nas Eiroas, o Bergantiños buscará aproveitar o que non sexa unha vitoria dos nosos e para iso terán que superar a un Laracha que sairá a polos tres puntos que o alonxen dos postos de descenso. Uns saltarán a un punto do líder mentres que o outro só supera en dous puntos aos postos de descenso.
O partido máis salientable da xornada podería ser ben o que se xogará en Barraña. Un Boiro que quere recuperar o cuarto posto recibirá na súa casa a un Silva en horas baixas e que terá a difícil misión de poñer terra de por medio entre os tres primeiros e o resto. Un dos grandes enfrontamentos deste final de ano e ao que os coruñeses chegarán despois de xogar Copa Federación catro días antes.
Outro que buscará defender o seu posto privilexiado é o Barco. O equipo valdeorrés recibirá en Calabagueiros a un Ourense que, logo de tres xornadas sen gañar, perdeu a posibilidade de facerse co cuarto posto na vindeira fin de semana. Os locais buscarán tres puntos de ouro para manterse no alto mentres que os ourensáns están a día de hoxe a sete puntos dese posto, na zona tranquila da clasificación.
A promoción de ascenso e a tranquilidade estarán en xogo na Magdalena no encontro que abrirá a xornada o domingo. O Racing Vilalbés, metido nunha boa xeira de resultados, ascendeu ao quinto posto a pasada fin de semana e buscará aproveitar un posible erro do Barco. Para iso deberán superar a un Ribadumia seguro na zona media da táboa, con oito puntos máis ca o Barbadás. 
O Barbadás é o seguinte protagonista da xornada. O equipo ourensán, que reforzou a súa dianteira esta mesma semana, buscará saír dos postos de descenso a costa dun Choco que rematará a primeira volta recibindo ao Compos. Nos Carrís, o equipo de Redondela buscará tres puntos cos que, polo menos, manterse a un punto do cuarto, tendo en conta que Barco, Racing Vilalbés e Boiro non perdoen nos seus xogos. 
Na Lomba, en Vilagarcía, o Arousa recibirá ao oitavo clasificado, o Alondras, nun partido entre dous conxuntos que non queren perder a camiño á promoción. Os arousáns, actualmente a cinco puntos do Barco, buscarán facer bo o empate contra o Bergantiños mentres que os do Morrazo queren esquecer a derrota de hai dúas semanas contra o Barco. 
E, para rematar, o Somozas recibirá no Alcalde Manuel Candocia a un Negreira que estreará adestrador, moi coñecido pola familia branquiazul. O conxunto da Ferrolterra noveno tamén a dous puntos do cuarto, terá que enfrontarse ao novo equipo de Nacho e Cabrejo, que debutará no banco como segundo, que pode ter unha pequena oportunidade de saír do descenso esta mesma fin de semana, gañando e que perdan Barbadás e Vilalonga. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario