A despedida

San Lázaro pecha as súas portas este domingo no penúltimo encontro da primeira volta. Cita importante para os nosos que recibirán ao Arenteiro coa intención de deixar boas sensacións nesta despedida do 2017, a falta do encontro contra o Choco de dentro de quince días coa Copa de Rexións da UEFA polo medio, e un bo resultado que o manteña como líder da categoría unha xornada máis. Pola contra, o cadro do Carballiño buscará rematar coa xeira negativa de resultados que o acompaña neste mes de novembro.


De máis a menos.
O mellor recén ascendido, o Arenteiro, quere volver ao bo camiño logo de tres xornadas sen coñecer a vitoria. O equipo do Carballiño quere aproveitar unha saída importante na que sumar a súa oitava vitoria do campionato ou, como mínimo, evitar a sétima derrota do curso. Ademais, terán na súa man a cuarta vitoria fóra da casa.
Cun total de 25 puntos ata o de agora, grazas a 7 vitorias e 4 empates en 17 encontros, o Arenteiro chega a esta xornada despois de superar ao Bergantiños en Espiñedo e de perder por goleada na Grela. Ademais, empataron ante Ourense, Barco, Arousa e Racing Vilalbés, equipos que poderían estar metidos na súa mesma loita a estas alturas de tempada.
A domicilio, os resultados non son tan favorables. Sumaron de tres no Salvador Otero, San Pedro e Laracha, sempre pola mínima, e conseguiron un empate, a un gol, no Couto nun partido marcado polas expulsións, tres en total. En canto a derrotas, caeron ante Somozas, Alondras, Silva e Boiro sendo todas por goleadas agás a sufrida en Barraña hai quince días.
A nivel individual salienta o bo momento de Rubén Arce. O dianteiro nado en Barbadás e ex do CD Ourense, suma ata o de agora 8 goles e ven de marcar nas catro últimas xornadas. Por detrás na mesma clasificación, Igor anotou un total de 6 tantos.

Moitos goles.
Polo de agora, ningún partido dos equipos que se medirán este domingo rematou sen goles. Ademais, en San Lázaro o Compos sabe ben o que é marcar deixando a porta contraria a cero só en dúas ocasións, que remataron con derrota ante Boiro e Barco. A iso hai que engadir que os nosos anotaron na casa un total de 19 goles en 8 encontros, máis de dous de media por xogo, aos que sumar os 11 encaixados facendo un total de 30.
Pola súa parte, o Arenteiro é un equipo ao que lle custa marcar fóra da casa. 9 goles en 8 partidos para un equipo que só quedou sen marcar nunha ocasión, na derrota ante o Somozas da primeira xornada. Por contra, recibiron 18, dos cales cinco foron ante o Somozas e catro contra Alondras e Silva.

Case 28 anos.
Dende xaneiro de 1990, o Arenteiro non visita Santiago, naquela ocasión Santa Isabel, para medirse ao Compos. Un total de cinco enfrontamentos entre ámbolos dous conxuntos na capital galega entre os que sacar resultados positivos. De feito, catro desas citas remataron con vitoria branquiazul mentres que o Arenteiro foi quen de facerse cun punto na súa visita alá polo ano 1987. A iso hai que engadir que os mesmos resultados chegaron tamén nos encontros de Espiñedo deixando mellores precedentes na historia.

Dúas e dúas.
O Compos chega a este partido en moi boa forma despois de superar a Vilalonga e Negreira encadeando dúas vitorias consecutivas despois do empate no Couto. Dous triunfos aos que sumar, ademais, dúas vitorias máis e tres empates para chegar xa a sete xornadas consecutivas sen coñecer a derrota.
O Arenteiro tamén ven de sumar dúas pero neste caso derrotas. Perderon contra un Barbadás que busca respirar e ante un Boiro que conseguiu así facerse co cuarto posto, que perdeu días despois. Ademais, non gañan dende a primeira fin de semana de novembro, cando conseguiron volver á casa cos tres puntos do Municipal de Laracha.

Todos dispoñibles.
En principio, e se nada sae mal ata o domingo, Yago poderá contar de novo con todo o equipo. Cardeñosa e Alberto volven logo das súas respectivas lesións, e de xogar contra o combinado galego sub-18, e Alex Ares pode volver ser convocado despois de perderse a visita a San Pedro por acumulación de amoestacións.
Non obstante, cabe lembrar que hai ata tres xogadores apercibidos de sanción de cara ao partido contra o Choco. Tomás, Mon e Álvaro Casas non poderían estar na derradeira xornada deste 2017, e da primeira volta, en Santa Mariña de ver un novo cartón amarelo.

Tarde de domingo.
Agora que xa vai frío, moito, na capital galega, toca darlle unha boa despedida a San Lázaro o domingo ás 17 horas. O partido, que non será televisado, terá entradas a un prezo de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 17 e 13 anos e de balde para menores de 12. Ademais, coma sempre, aboados gratis. Cabe dicir tamén que xa está en marcha a campaña de aboados da segunda volta e que quen se faga o seu carnet antes do domingo poderá gozar tamén desta xornada ademais da segunda volta ao completo.
Por contra, quen non poida asistir ao encontro poderá seguilo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou no perfil oficial do clube en Twitter, onde se poderá comentar co cancelo #ComposArenteiro. Ademais poderá escoitarse en directo por 'Esedé Radio' na web oficial do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario