Tres do Compos, coa selección

Co ex do Compos Pichi Lucas como novo seleccionador do combinado galego de afeccionados, o Compos conta con tres xogadores que arrincarán os adestramentos o vindeiro martes de cara á XI Copa de Rexións da UEFA, torneo gañado polos nosos alá polo 2010 ante Castela e León, que comezarán os nosos en Asturias, encadrados no grupo A.


Tres da Esedé. 
Antes de nada, cabe dicir que para esta convocatoria só se pode contar con xogadores que teñan máis de 18 anos, que xoguen na Terceira división, que nunca contaran cun contrato profesional e que tampouco xogaran unha competición a nivel profesional. 
Con todo isto, o adestrador leonés fixo unha convocatoria de ata 29 xogadores entre os que se atopan ata tres homes da Esedé, sendo con Boiro, Choco e Somozas un dos equipos que máis homes portan ao combinado. Santi, Álex Ares e Róber estarán este mércores no Campo da Cañoteira, en Cacheiras para poñerse ás ordes do novo técnico. 

Campionato, en decembro. 
O adestramento servirá para xuntar por primeira vez o equipo de cara á XI Copa de Rexións da UEFA que se xogará en diferentes puntos de España durante a fin de semana entre o 8 e o 10 de decembro deste mesmo ano. Un torneo que queda dividido nunha fase de grupos, con seis grupos, unha nova fase intermedia con data por determinar, da que só se sabe que será antes do 28 de febreiro, e unha fase final, entre o 30 de marzo e o 1 de abril. 

Galiza, no grupo A. 
O combinado galego quedou encadrado no grupo A, que se xogará en Asturias e que xuntará aos nosos, o combinado local e Cantabria. Cos horarios aínda sen determinar, só o primeiro clasificado pasaría á rolda intermedia, onde se enfrontaría ante o campión do grupo D, formado por Murcia, Valencia e Andalucía. 
O resto de grupos son os seguintes:
Grupo B: Canarias, Castela e León e Melilla, con sede en Castela e León. 
Grupo C: Navarra, Cataluña e Estremadura, con sede en Cataluña. 
Grupo D: Murcia, Valencia e Andalucía, con sede en Valencia. 
Grupo E: Castela-A Mancha, Madrid e Ceuta, con sede en Madrid. 
Grupo F: Illas Baleares, País Vasco e Aragón, con sede no País Vasco.
Repetimos que só o primeiro de cada grupo pasará de rolda cos campións dos grupos E e F pasando directamente á fase final onde se xogarán as semifinais e a Final. 

Resto da convocatoria: 
Aitor Díaz e Jesús Varela do Alondras; Javi Pazos e Sergio Santos do Arousa; Aarón Rama e Iago López do Bergantiños; Daniel Portela do Arenteiro; Cassio e Ismael Quevedo do Barco; Herbert, Cano e Pablo Rubio do Boiro; Cortegoso, Lucas Fernández e Rubén Comesaña do Choco; Iván Parada e José Filgueira do Ribadumia; Eloy Fariña do Céltiga; David García do Laracha; Eduardo Otero do Ourense; Jose Varela e Marcos Souto do Racing Vilalbés; Cañizares do Silva; Carlos Riveiro, Jacobo Millán e Juan Martínez do Somozas e os tres do Compos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario