Imos á Illa

A Illa de Arousa recibirá este domingo a un Compos coa intención de volver ao camiño da vitoria. Un partido marcado por unha semana para esquecer na nosa terra e que podería devolver o segundo posto a un equipo tan sólido en ataque coma feble en defensa no que será a primeira das dúas citas consecutivas ante rivais de Arousa, xa que na seguinte xornada recibiremos ao Arousa en San Lázaro.


Permanencia, obxectivo principal.
O Céltiga loitará un ano máis por manterse na Terceira división sen pasar problemas no final da campaña. O equipo da Illa de Arousa, con vellos coñecidos en San Lázaro, entre os que se atopan Paco, Uru, Stefan, Angelo e Jacobo Tato, suma ademais unha boa serie de resultados nas últimas datas con tres vitorias nas catro últimas xornadas.
O conxunto arousán ocupa agora o 15º posto da clasificación con 12 puntos, 4 por enriba dos postos de descenso e a sete dos postos de ascenso. A iso hai que engadir que suman só 8 goles sendo o segundo equipo con menos tantos ao seu favor e encaixaron 17, un máis que o Compos e que o colocan como o cuarto mellor equipo defensivamente.
Na casa sumaron ata o de agora 6 de 15 puntos posibles logo de dúas vitorias ante Negreira e Laracha e as derrotas contra Arenteiro, Silva e Boiro, tres equipos chamados a rematar nos postos altos da clasificación. En canto a goles, anotaron 6 ante a súa afección e recibiron 10, sete deles ante Silva e Arenteiro e deixando a súa porta a cero só ante o Laracha. 
A nivel individual, ademais dos ex da Esedé que agora visten a camisola arousá, hai que ter en conta a algún xogador coma Diego Olivera, autor de 3 goles e máximo artilleiro do equipo. 

O empate non é unha opción. 
Ata o de agora, logo de 10 xornadas, os dous equipos asinaron vitorias e derrotas, mais ningún dos dous sabe, de momento, o que é empatar nesta campaña. Trinta puntos en xogo por parte de cada equipo e, polo de agora, 21 para o cadro branquiazul logo de 7 vitorias, e 12 para o Céltiga, que só foi quen de puntuar en 4 ocasións. Son, ademais, os únicos equipos que non repartiron puntos xunto co Barbadás. 
O Compos superou, sen demasiados problemas, o 70% das súas citas neste arrinque de campaña. O equipo con máis gol da categoría xunto con Silva e Bergantiños, cuxos partidos son nos que máis goles se poden ver cunha media de 3,6 por cita, pasou por problemas para superar a equipos coma Ribadumia e Laracha, ante os que sumou seis puntos, e mereceu máis ante o Barco nun partido onde o máis xusto puido ser o empate. 
Pola súa parte, o Céltiga estivo moi preto de conseguir un reparto de puntos importante ante o Arenteiro, equipo revelación do campionato, mais o equipo ourensán foi quen de poñerse por diante unha vez máis asinando o 2-3 definitivo xa no tempo engadido. 

Diferentes chegadas, diferentes camiños.
Os dous equipos chegan a este encontro logo de colleitar diferentes resultados na pasada xornada do campionato. O Compos non foi quen de puntuar ante o CD Barco en San Läzaro mentres que os tres puntos si saíron dos Carrís camiño do Salvador Otero. 
Na capital galega viviuse unha cita emocionante onde o fútbol de ataque brilou pola súa ausencia. Os dous equipos, que chegaban nun bo momento e coa intención de aumentar as súas xeiras positivas e achegarse un chisco máis ao Silva, líder, mais o partido non deixou boas sensacións. O equipo valdeorrés fixo o seu traballo, marcou o gol que lle deu a vitoria no engadido do primeiro tempo, e defendeuse durante o segundo tempo facendo ver por que é o mellor equipo defensivo da categoría. 
En Barbadás, os tres puntos remataron no casilleiro do equipo visitante, importantes para alonxarse dos postos de descenso. Ao igual que no outro encontro, só foi suficiente un gol, nos Carrís foi o ex branquiazul Paco quen anotou, dende os once metros, o único tanto do xogo.

Tres de seis. 
Ata o de agora, o Compos visitou o Salvador Otero en seis ocasións dende o ano 1987. Seis encontros que remataron con tres vitorias branquiazuis, dúas locais e só un empate, o ano pasado nun partido emocionante e con moitos goles. Ademais, en ditos enfrontamentos puidéronse ver un total de 16 goles, 10 deles do lado santiagués. 
O primeiro precedente data do ano 1987, hai xa 30 anos. Na Terceira división, o Céltiga foi quen de superar aos nosos, que anos despois conseguiría o asexado ascenso á Segunda B. Un resultado (1-0), que se repetiu tamén o ano seguinte conseguindo así o último triunfo dos arousáns ante os nosos. 
As vitorias branquiazuis chegaron nos anos 1988, 2009 e 2013, sempre en partidos complicados e con resultados axustados. Por contra, o ano pasado houbo que sufrir ata o final unha vez máis para asinar un empate a 2 con goles de Julián e Tomás para os nosos. 

Mellor fóra. 
Se hai unha diferenza con respecto a anos anteriores é que o Compos está a facer unha gran campaña cando sae de San Lázaro. O equipo, que nas últimas campañas non era quen de sumar de tres case a domicilio, este ano suma incluso máis puntos que na casa nestas 10 primeiras xornadas do campionato. 
Catro triunfos ante Ribadumia, Barbadás, Bergantiños e Somozas amosan o bo nivel que está a manter este equipo, cada vez máis regular no seu xogo, e sumando só unha derrota lonxe de Santiago, ante o Racing Vilalbés na peor derrota do que vai de curso. A iso hai que engadir que van 10 goles a favor dos nosos e 8 en contra, encaixando só 1 nas tres últimas saídas.

Só unha baixa
Para esta cita importante, na que o equipo precisa os tres puntos para volver ao camiño da vitoria, Yago Iglesias conta cunha soa baixa para esta cita. Logo de recuperar a Ube e Diego Rey e sen contar con ningún sancionado, o adestrador só terá a ausencia de Sergio, que podería volver contra o Arousa. 
Pola súa parte, Cardeñosa xogará de novo apercibido de sanción e non podería estar ante o equipo de Vilagarcía de ver un cartón amarelo na Illa. 

Tarde de domingo. 
O partido será este domingo 22 ás 17:15 horas no Salvador Otero, na Illa de Arousa. Un encontro para que as entradas terán un prezo habitual de 10 euros para maiores de 18 anos e de 5 para rapaces de entre 13 e 17. 
Para quen non poida achegarse ao campo arousán, poderá seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ademais do perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario