Festa de goles na Illa

O Compos volve do Salvador Otero cos tres puntos logo da maior goleada do que vai de campionato ante un Céltiga que non mereceu tal castigo. Un triunfo dos nosos con Santi e Alex Ares como autores dos goles nun encontro onde, ademais, se puido vivir o debut de Diego Rey nesta campaña, xogando os últimos vinte minutos xa con todo decidido. 


Balón sen ocasións.
A Esedé fíxose coa pelota dende o arrinque do encontro ante un Céltiga que baseou o seu xogo no centro do campo perdendo pelotas e permitindo aos nosos buscar a porta de Manu Táboas, que tivo a primeira media hora moi tranquila sen ocasións branquiazuis. 
Lorenzo, que non tivo case traballo durante a tarde, non sufriu tampouco durante unha primeira media hora onde a pelota, dominada polos nosos, non estivo preto das áreas.

O primeiro abriu a veda. 
Superada a media hora de xogo, na primeira chegada perigosa da Esedé, chegou o primeiro gol cun erro do porteiro local abrindo o camiño dos nosos á vitoria. Un tanto logo con asistencia de Róber e obra de Santi, que tivo unha gran tarde días despois de estrearse coa selección galega, ámbolos dous coa cabeza. 
O propio Santi, oito minutos despois, foi quen de poñer terra de por medio. De novo coa testa, o dianteiro branquiazul aproveitou un córner para confirmar a superioridade branquiazul contra un Céltiga que non puido facer moito máis para evitar o segundo tanto do xa máximo goleador da Esedé. 
E antes do tempo de lecer, Alex Ares deixou encamiñada a vitoria co terceiro gol do xogo. O ex do Cerceda anotou o terceiro dende os once metros logo dun penalti feito sobre Samu. Un resultado moi cómodo que deixaba aos nosos con corenta e cinco minutos por diante coa misión de volver cos tres puntos. 

Rápida sentenza.
O segundo tempo non puido ter un arrinque mellor. En só dous minutos chegou o cuarto gol da cita, de novo obra de Santi pechando o seu primeiro 'hat-trick' na tempada, de novo nun córner e, por terceira vez no xogo, coa testa pechando unha gran actuación persoal. 
E para aumentar a súa conta, Santi non só fixo goles senón que ademais colaborou cunha asistencia para Alex Ares minutos despois, que rematou co quinto e definitivo tanto. O de Pontedeume finalizou un bo pase do compañeiro para superar a un Manu Táboas que, malia a goleada, evitou algo que puido ser moito peor para os insulares. 

Agora, o noso equipo terá que preparar un novo partido contra o equipo de Vilagarcía, o Arousa, nun partido onde se podería botar man ao primeiro posto, a dous puntos. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Cardeñosa, Uña, Mon; Casas, Samu (Ube, min. 71); Róber (Sobrido, min. 71), Alex Ares (Diego Rey, min. 71), Santi; e Primo. 
CARTÓNS: Amarelos para Samu e Casas.
GOLES: 0-1 31' Santi, 0-2 39' Santi, 0-3 44' Alex Ares, 0-4 47' Santi, 0-5 60' Alex Ares. 
CAMPO: Salvador Otero. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario