Contador a cero

Seguimos sen empatar e volvemos perder nun mal partido en San Lázaro onde o Barco fixo valer a súa fortaleza defensiva. Un xogo no que o equipo ourensán foi quen de aproveitar a única ocasión clara que tiveron facéndose cos tres puntos rachando así a gran xeira da Esedé de catro vitorias consecutivas asinando a terceira derrota dos nosos, segunda na casa e, ademais, de novo sen gol local. 
Unha derrota importante, contra o que segue a ser o mellor equipo en defensa e xa segundo clasificado, que fai perder un posto aos nosos e deixa ao Silva a catro puntos. Unha caída, ademais, que chega ao final dunha semana con dúas de vitorias en tres citas e a pensar xa na visita a un Céltiga que busca seguir fóra dos postos de descenso.


Balón sen perigo. 
Unha vez máis, o plan de xogo consistía en facerse coa posesión da pelota e achegarse á porta rival cun fútbol de toque. Un plantexamento que non foi de todo bo ante un rival que se meteu atrás e aproveitou a única que tivo. 
O primeiro tempo xogouse, en gran parte, en campo ourensán, nas inmediacións da área. Aínda así, cada centro non chegaba a bo porto permitindo ao porteiro valdeorrés ter unha tarde tranquila. De feito, as únicas oportunidades claras chegaron a balón parado con Mon como autor da ocasión que máis preto estivo de chegar a bo porto. 

Calquera puido marcar.
Os últimos cinco minutos do primeiro tempo foron determinantes para o resultado do encontro. Neles, o Compos conseguiu dúas oportunidades que non entraron por moi pouco. Primeiro, Róber mandou o balón directo ao longueiro e na seguinte ocasión, a pase do anterior, foi Mon o que non acertou coa porta visitante. 
Logo das dúas ocasións perdoadas polos nosos, o que non perdoou foi o Barco. Falta perigosa que bota Rubén García e Juncal, no segundo pau, non perdoa cando mellor semellaba estar a Esedé sobre o terreo de xogo. Un gol que, ademais, foi seguido do tempo de lecer. 

Imposible na segunda metade. 
Logo do paso por vestiarios non houbo maneira sequera de probar ao porteiro do Barco en corenta e cinco minutos nos que se limitaron a defenderse deixando a pelota aos nosos e buscando sorprender a un seguro Lorenzo á contra, algo que non foron capaces de facer en todo o segundo tempo. 
Na outra porta, nunha segunda parte chea de interrupcións, tampouco se viron ocasións malia contar o Compos cunha dianteira formada por Primo, Santi e Sobrido, incapaces de sequera probar sorte nun partido onde o máis xusto puido ser un empate sen goles logo do visto sobre o campo e no que o Barco xogou as súas cartas á perfección confirmándose coma un dos equipos fortes da categoría. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Cardeñosa (Ube, min. 46), Uña, Mon; Casas, Samu; Róber (Sobrido, min. 71), Ares, Rubén (Santi, min. 62); e Primo.
CARTÓNS: Amarelo para Uña.
GOLES: 0-1 45' Cristóbal.
CAMPO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario