72 horas

Sen tempo de festexar a vitoria no Alcalde Manuel Candocia, ante un Somozas forte, toca pensar xa na décima xornada do campionato. San Lázaro abrirá as súas portas unha semana despois de recibir ao Cultural Areas para un Compos-Barco no alto da táboa. Segundo contra cuarto no partido sobranceiro da Terceira nesta xornada de domingo.
Con 72 horas para preparar este encontro ante o mellor rival en defensa e unha pequena oportunidade de asaltar o primeiro posto, o Compos mira cara a quinta vitoria xornada consecutiva no seu mellor momento do curso logo de tres vitorias a domicilio nos catro últimos xogos. 


A mellor defensa. 
O CD Barco chegará a San Lázaro co nome de mellor defensa da categoría. O equipo ourensán pode presumir de ser o equipo que menos goles encaixou no que vai de campionato logo de recibir menos da metade dun gol por partido de media. Un equipo que, ademais, chega logo de anotar a maior goleada da xornada entre semana a un Barbadás que non é quen de recuperar o bo camiño.
Cuartos clasificados a tres puntos do Compos, o Barco gañou 5 partidos, só un deles a domicilio, empatou 3 e perdeu só 1, lonxe de Calabagueiros. A iso hai que engadir o dato máis importante. E é que aos 17 goles que anotaron só hai que restar os 4 que encaixaron nestas 9 xornadas, dous deles ante o Silva.
Lonxe de Calabagueiros, o equipo valdeorrés só puido facerse cos tres puntos nunha ocasión, ante o Laracha. Ademais, sumaron dous empates ante Arenteiro e Boiro, neste caso nun partido sen goles pero con ata tres expulsados, e só unha derrota ante o Silva encaixando a metade dos goles que recibiron ata o de agora. Tres goles en contra, o 75% do total que levan ata o de agora, e dous a favor dun equipo moito máis forte na casa pero que tamén cumpre a domicilio. 
A nivel individual hai que salientar a homes coma Ivi Vales, máximo goleador do equipo con 6 tantos, ou Mitogo, xogador do Compos durante a primeira volta a pasada campaña e que volveu ao equipo de Valdeorras este verán despois duns meses en Salamanca. 

Non será nada doado. 
Se hai algo que está claro é que gañar ao Barco é moi difícil. O cadro ourensán chega logo de perder só un partido no que vai de campionato, o xa nomeado ante o Silva. A iso hai que engadir que só Vilalonga e Arenteiro foron capaces de marcarlles algún gol, ademais dos coruñeses. Un equipo moi duro, coa mellor defensa do campionato.
Por contra, estará tamén un dos mellores ataques da Terceira galega. Un equipo que só quedou sen marcar na derrota ante o Boiro e que suma catro vitorias consecutivas con sete goles a favor nos últimos dous xogos. Un dos mellores Compos dos últimos anos co ascenso coma obxectivo principal. 

Cinco? 
Logo de gañar, con emoción, ao Somozas, o Compos ten na súa man encadear cinco vitorias consecutivas, algo que este ano só fixo o Silva. Ese feito, non pasa en 'Casa Compos' dende 2013 cando, no treito final do campionato, chegaron cinco vitorias consecutivas entre as catro últimas datas do campionato e a ida da primeira rolda da promoción de ascenso ante o Ebro. 
Sen ter en conta a promoción, a última vez que o equipo sumou 15 puntos en Liga consecutivos foi no 2011, na Preferente Norte e tamén cun ascenso ao final do campionato. De feito, esa tempada chegaron sete seguidas nas primeiras sete xornadas. 

As rotacións funcionaron. 
No Alcalde Manuel Candocia, os trocos de Yago Iglesias funcionaron á perfección. O equipo fixo un bo fútbol, non cometeu erros e superou unha das probas máis difíciles do campionato. Unha vitoria importante contra un rival directo e que non puxo as cousas nada doadas obrigando aos nosos a dalo todo para acadar esa cuarta vitoria seguida, sétima no que vai de curso. 
Pola súa parte, o Barco non só conseguiu os tres puntos na casa ante o Barbadás senón que o fixo cunha goleada difícil de superar nun derbi. 6-0 con goles de Rubén García, dous de Ivi Vales, outros dous de David Álvarez e un máis de Iván Argos para meterse nos postos de promoción de ascenso. 

Só unha derrota.
Ata o de agora, o Barco visitou San Lázaro ata en cinco ocasións conseguindo só unha vitoria. Tres vitorias dos nosos, un empate e unha derrota, colleitada a pasada tempada nun bo partido dos nosos no que o resultado final non acompañou. 
Nesa última visita do cadro valdeorrés a Santiago, Ivi Vales non só foi quen de facer o primeiro no arrinque do encontro senón que, ademais, asinou o segundo logo de vinte minutos dende a reanudación. Por sorte, e con moito traballo, o Compos igualou o resultado con goles de Nogueira e Mitogo en menos de cinco minutos. Por contra, David Álvarez anotou o terceiro dos visitantes a cinco minutos para o final.

Aumenta a enfermería.
Se de cara á pasada xornada Yago recuperaba a Ube e Primo, para esta fin de semana perde a Sergio. O lateral cae da convocatoria logo da lesión sufrida ante o Somozas no Alcalde Manuel Candocia e confirma de xeito case seguro a Saro unha semana máis no once titular. Ademais, o lateral santiagués poderá formar defensa con David Uña, que volve logo da xornada fóra por acumulación de cartóns. 
O que podería ser baixa proximamente é Cardeñosa. Xa chegou ao partido ante o Somozas con catro cartóns e, logo de non ver o quinto no Candocia, xogará apercibido ante o Barco. Ademais, Diego Rey é dúbida logo de superar os problemas físicos que o teñen apartado dende o comezo da pretempada.

Repetimos hora.
Ao igual que ante o Cultural Areas, San Lázaro abrirá as súas portas o domingo ás 17 horas. O teatro dos soños da capital galega recibirá ao CD Barco e á súa afección con entradas a 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 17 e 13 anos e de balde para menores de 12. Socios da Esedé, de balde.
Quen, por contra, non poida asistir ao encontro poderá seguilo a través das diferentes das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, como xa adoita pasar nos encontros na casa, haberá retransmisión en directo na 'Esedé Radio' na web oficial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario