23 de outubro

Logo dunha semana, volvemos con precedentes recentes do noso Compos e cun encontro especial. E é que hai hoxe 23 anos, a Esedé conseguía o primeiro punto da súa historia no Santiago Bernabéu, onde empataría tamén tres anos máis tarde. Ademais, outro empate contra outro dos históricos da Primeira división, nesta ocasión en San Lázaro fronte ao Athletic Club.


23 de outubro de 1994. 
Comezamos co prato forte do día. Na primeira campaña dos nosos entre os grandes, na súa primeira visita ao Santiago Bernabéu, o equipo de Castro Santos conseguiría un empate para a historia. Diante, un Real Madrid que non tivo o seu mellor arrinque de tempada, que remataría co título para o conxunto branco, nunha campaña onde conseguiron 48 de 57 puntos posibles sendo os nosos un dos catro únicos equipos que foron quen de puntuar no seu campo. 
A Esedé de Castro Santos, que foi un dos tres equipos que non perderon ningún partido ante os de Valdano, saltou ao terreo de xogo cun once formado por Iru, Víctor, Bellido, Villena, Modesto, Nacho, Lekumberri, Passi, Fabiano, Ohen e Christensen, aos que engadir a Abadía e Pichi Lucas. Iso pasou, ademais, logo de ir por debaixo no marcador por un gol de Amavisca aos cinco minutos de xogo e que conseguiu igualar Ohen xa no segundo tempo aguantando ata o final un dos mellores resultados da historia do noso equipo.
Un partido que moitos lembrarán pola aliñación indebida do conxunto de Valdano e que debeu rematar cos tres puntos para os nosos.

23 de outubro de 1996.
E dun histórico a outro. Hai xa 21 anos, na nosa terceira tempada na Primeira división, o Compos recibía ao Athletic de Bilbao en San Lázaro. Un partido onde houbo moita emoción, sufrimento e, de novo, un gol por lado para rematar cun reparto de puntos entre galegos e vascos. 
Con Fernando Vázquez no banco da Esedé, un once formado por Fernando, Mauro, William Amaral, Galdames, Nacho, Pirri Mori, Fabiano, Passi, Lekumberri, Ohen e Penev e Chiba e Bellido saíndo dende o banco de suplentes no segundo tempo; o Compos foi quen de adiantarse no segundo tempo grazas a un gol de Penev na volta do tempo de lecer. Mais o equipo vasco foi quen de igualar o resultado a vinte minutos para o final cun gol de Julen Guerrero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario