Que pasou en Vilalba?

Segunda derrota consecutiva dun Compos que arrincou a tempada prometendo máis. Un novo mal partido dos nosos que, ademais, significou a primeira xornada dos nosos sen ver porta ante un Boiro que está a levar o camiño contrario. Noventa minutos superados en tódolos sentidos e nos que o conxunto rival soubo facer moi ben o seu traballo, acompañado dunha gran efectividade de cara a porta. 
Por contra, a vitoria non saiu tan ben para o equipo de Lemos, xa que marchan para a casa con dous homes lesionados, un deles o ex do Compos Santi Taboada. Outra das novas importantes para o equipo de Barraña é que Yahvé, que fixo un enorme partido na súa antiga casa, por fin atopou o camiño á portería. 


Posesión sen máis.
Ante a baixa importante de Primo, peza importante neste arrinque de tempada, era o momento de facer trocos no once titular. Mais a entrada de Sobrido no equipo non chegou soa xa que Yago apostou por Lorenzo e Samu nos postos de Lucas e Mon. Tres cambios moi importantes e que se fixeron notar sobre o verde. 
O Compos saltou ao terreo de xogo coa intención de buscar a posesión e, co paso dos minutos, intentar buscar a portería dun Boiro que rematou o encontro moito máis tranquilo do que esperaba. E é que non houbo ocasións sobre a escadra visitante durante os primeiros corenta e cinco minutos. Dous centros que puideron levar algo de perigo pero sen ninguén que rematase. 

Acerto máximo. 
Se hai algo co que pode estar contento o Boiro é coa porcentaxe de acerto de cara a gol. Tres ocasións e tres goles. De feito, na única que tiveron durante o primeiro tempo chegou o primeiro gol. Un golazo de Yahvé, que o fixo absolutamente todo durante o tempo que estivo no campo, para finalizar unha fermosa xogada en equipo nas inmediacións da área. 
O gol serviu para dúas cousas: para un último intento dos nosos e a posterior desaparición co paso por vestiarios no medio. De feito, antes do tempo de lecer chegaron dúas oportunidades que puideron cambiar o rumbo do xogo, rematando a primeira nun máis que posible penalti sobre Samu que non sinalou o colexiado. 
E o mesmo guión dos últimos minutos da primeira parte foi co que se comezou a segunda. O Boiro sen facer moito tivo unha nova ocasión, aos dez minutos, e de novo atoparon o camiño ao fondo das redes. Recibe Cano a pelota, xírase fóra da área e pona lambendo o pau. Un golazo co que deixaba moi tocado ao Compos e case sentenciado o xogo. 
Pero iso non foi todo. Aínda baixando un pouco a intensidade do xogo, os boirenses tiveron dúas oportunidades máis para pechar a vitoria anotando, xa no engadido, o terceiro Javi Otero cando os nosos máis buscaban o gol. 

Cero. 
Logo de catro xornadas anotando, o Compos faltou á súa cita co gol. E non só iso. Durante todo o partido non se puideron ver ocasións de perigo sobre a porta de Reguero agás unha oportunidade illada de Tomás, que segue a chamar á porta dunha titularidade aínda lonxe para o vigués. 

Agora hai que pensar na visita a Os Carrís da vindeira fin de semana, cita que se adianta ao sábado, na que será a primeira xornada das dúas consecutivas a domicilio e que serán moi importantes para pensar de novo en algo importante.

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio, Cardeñosa, Uña, Naveira; Casas (Mon, min. 68), Samu (Tomás, min. 65); Róber, Ares, Rubén (Santi, min. 60); e Sobrido. 
CARTÓNS: Amarelos para Uña e Ares. 
GOLES: 0-1 29' Yahvé, 0-2 65' Cano, 0-3 93' Javi Otero.
CAMPO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario