Primeiro gran encontro na casa

San Lázaro acollerá este domingo un gran encontro, o segundo nun mes moi complicado e no que se verá o nivel deste novo equipo. Recibimos na capital a un dos grandes da categoría, a un dos favoritos na loita non só pola promoción senón tamén na busca do primeiro posto do grupo. Recibimos a un CD Boiro que, logo dun verán un tanto raro, chegará con caras moi coñecidas en 'Casa Compos'.


Doutra categoría.
Este domingo chegará un Boiro doutra categoría. O equipo do Barbanza perdeu a categoría a mediados deste mesmo verán fóra dos terreos de xogo, logo de acadar a permanencia a pasada tempada, por problemas económicos que se arranxaron fóra de prazo, tema onde non queremos entrar. Un Boiro reforzado e que está a comezar, algo tarde, a funcionar como se esperaba.
O equipo dirixido un ano máis por Lemos e que conta con homes coma Yahvé e Taboada no once así como Héctor Angueira no corpo médico. Moi ben reforzado e con homes coma Marcos Caridad, Vieytes ou Cano, entre outros, o Boiro prometía ser un dos conxuntos máis fortes. Non obstante, o comezo dos de Barraña non foi o desexado con só catro de doce puntos posibles. Chama a atención, sobre todo, a goleada sufrida ante o Bergantiños á que engadir outra caída ante o Laracha e o empate na Magdalena. De feito, só conseguiron os tres puntos na pasada xornada, en Barraña ante o Barbadás pola mínima.
Dos goles boirenses pouco se pode falar. Dos once tantos anotados ata o de agora por xogadores da Esedé aos tres feitos por homes do Boiro. Santi Taboada, Hugo Sanmartín e Igor foron os autores dos únicos tantos cos que chegan a San Lázaro, dous deles na pasada fin de semana.

A facer de San Lázaro un fortín.
Logo de caer ante o Racing Vilalbés, o Compos buscará seguir coa boa xeira de resultados contra un Boiro que só conseguiu un de seis puntos posibles a domicilio no que vai de campaña ao que engadir que só conseguiron gañar en dúas das últimas once saídas, sumando tamén á Segunda división B que pecharon con vitorias en Vigo e Ferrol, importantes para fuxir do descenso.
Por contra, o Compos buscará a súa terceira vitoria do curso na casa, onde non perde dende abril e onde só se contan dúas derrotas entre once encontros no que vai de 2017, ante Fabril e Vilalonga. E, ao igual que o curso pasado, todo pasa por conseguir manter o máximo número de puntos posibles na fortaleza branquiazul para achegar o obxectivo marcado para éste: o ascenso.

Goles: poucos pero asegurados.
Os partidos do Compos no que vai de tempada teñen algo en común: goles. 20 goles en catro partidos, 5 de media por xogo con, de momento, algo máis da metade a prol dos nosos, chegando case aos tres de media por tarde. Unha cifra que baixou logo do encontro ante o Laracha, onde se viviron un total de tres goles, e que volveu subir cos cinco na Magdalena. Uns datos que confirman que o partido deste domingo contará con goles seguro. E, se iso non é suficiente... non hai un partido sen goles en San Lázaro dende novembro, cando os nosos non puideron co Órdenes.
Pola súa parte, non podemos dicir o mesmo do Boiro. Os de Lemos, malia ter encaixados oito goles neste curso, só anotaron tres. Un total de 11 goles en catro encontros. 

Igualdade.
O Boiro visitou Santiago en cinco ocasións con bos resultados para os nosos. Dúas vitorias, todas en Santa Isabel, e tres empates cunha soa cita en San Lázaro, que rematou sen goles hai algo máis de cinco anos. Unha cita que, historicamente, non nos deixou moitos goles. De feito, nos cinco encontros na capital galega só se puideron ver sete tantos con só unha vitoria dos nosos por máis dun gol de diferenza.
O último precedente ata o de agora data de 2012. O Compos recibía ao Boiro na derradeira xornada da primeira volta na Preferente Norte nun xogo entre dous dos favoritos polo ascenso. Un partido que rematou sen goles. 

Sen o máximo goleador. 
Con Ube e Diego Rey preparando a súa volta, Yago Iglesias contará cunha nova baixa moi importante para recibir ao Boiro. O adestrador branquiazul perderá a Primo para as catro vindeiras xornadas, perdendo as citas ante Boiro, Barbadás, Bergantiños e Cultural Areas. Con isto, o gol da Esedé perde un dos seus nomes máis importantes. 
Pola súa parte, Cardeñosa chegará a este partido sen problema logo de recuperarse do susto recibido na Magdalena. 

Tarde de domingo. 
A xornada 5 xogarase por completo o domingo pola tarde. O Compos-Boiro será ás 18 horas en San Lázaro e o prezo das entradas para os non socios será de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 13 e 17 anos e de balde para menores de 12 anos. 
Quen, por contra, non poida asistir ao encontro poderá seguilo en directo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou no perfil oficial de Twitter do clube. Ademais, poderá escoitarse en directo na 'Esedé Radio', na web oficial. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario