Primeiro golpe

O Racing Vilalbés conseguiu a súa primeira vitoria do curso ante un Compos que non só asina a súa primeira derrota senón que ademais perde a oportunidade de facerse co primeiro posto en solitario logo da derrota o sábado do Bergantiños no Couto. Un resultado, ademais, abultado que demostra os erros dun equipo que fixo o primeiro e baixou a intensidade desaparecendo na segunda parte.


Moito polo que gañar. 
Logo da derrota do Bergantiños horas antes, o Compos tiña na súa man non só ser o único equipo con pleno de vitorias senón, ademais, ser líder nunha categoría dende maio de 2012. Non obstante, para variar, o equipo desperdiciou unha gran oportunidade nun partido ante un rival que chegaba en horas baixas e que parece erguer o voo a costa dos nosos. 
O único positivo que se pode sacar disto é que o equipo segue con gol logo de marcar por cuarta cita consecutiva, ante as catro datas que tamén suma encaixando goles, colocando á Esedé entre os equipos que máis goles encaixou ata o de agora. 

Bo primeiro tempo.
O único que se pode salvar deste encontro foi o primeiro tempo do Compos. Os de Yago Iglesias buscaron o gol con intensidade dende o arrinque e só faltou a sorte e a puntería de cara á porta. Boas oportunidades superando sobre o campo ao Racing Vilalbés con Alex Ares poñendo en serios apuros ao porteiro local, que tivo unha gran actuación.
Porén, logo de tanto chamar á porta, a porta abriuse. Penalti e Primo non perdoou enganando ao porteiro co seu disparo ante o que non puido facer nada. Un gol que, por contra, cambiou totalmente o xogo espertando a mellor versión dos locais, que non tardaron en igualar o resultado máis de dez minutos, co primeiro gol de Sergio Arias de volea dende a frontal. Un golazo. 
Mais o gol do empate non foi a peor nova dos instantes finais do primeiro tempo xa que Primo mancouse e non puido chegar sequera ao tempo de lecer. Primeiro troco obrigado dunha mala tarde onde non só o resultado foi malo. 

E desaparición. 
O Compos pareceu non saír dos vestiarios logo do tempo de lecer. O Vilalbés dominou de principio a fin mantendo con vida aos nosos ata os últimos trinta minutos de encontro. Pero outra lesión, neste caso de Cardeñosa, cambiou os plans de Yago Iglesias en defensa obrigando a retrasar a posición de Casas. 
Ese feito foi importante para que Sergio Arias puidera aproveitar e facer o segundo gol da tarde, tanto na súa conta particular coma na do equipo confirmando a remontada. 
O segundo gol do equipo lugués obrigou a Yago a facer un último troco para reforzar o ataque. Entrou Rubén por Naveira e defensa de tres, que permitiu aos locais aproveitarse e sentenciar a vitoria con dous goles no treito final do xogo, os dous de Alex Pérez á contra co Compos metido todo en ataque. 

Agora toca recuperarse e pensar no partido ante o Boiro da vindeira fin de semana en San Lázaro, onde non se poden perder puntos. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio, Cardeñosa (Tomás, min. 60), Uña, Naveira (Rubén, min. 75); Casas, Mon; Róber, Ares, Santi; e Primo (Sobrido, min. 44).
CARTÓNS: Amarelos para Casas, Naveira, Cardeñosa e Uña.
GOLES: 0-1 29' Primo, 1-1 39' Sergio Arias, 2-1 69' Sergio Arias, 3-1 80' Alex Pérez, 4-1 94' Alex Pérez.
CAMPO: A Magdalena.

Ningún comentario:

Publicar un comentario