19 de setembro

Tal día coma hoxe, non se pode falar de boa sorte para o Compos durante os últimos anos. Dous precedentes nos últimos vinte anos din que non é un bo día para a Esedé logo dun empate e outra derrota na Segunda e na Segunda B contra dous equipos que agora están a pasar por un moi bo momento nas súas respectivas categorías.


19 de setembro de 1999.
Comezamos na Segunda división e facémolo ante un equipo que está a pasar por unha gran campaña na Primeira división. Naquel curso, hai xa 19 anos, era a Esedé a que pasaba por un mellor momento e así o demostrou nun comezo de Liga con tres vitorias en catro xornadas. Unha xeira que rematou contra o Leganés, na quinta fin de semana.
En San Lázaro, o equipo de David Vidal saiu formado por Ponk, Mauro, William Amaral, Saula, Viedma, Nacho, Hoekstra, Díaz, Lekumberri, Gudelj e Changui, aos que engadir logo a Mauricio e Cabarcos. Un equipo que, por desgraza, non foi quen de marcar ao conxunto madrileño, que tampouco puido facer nada para superar a Ponk.
O primeiro de cinco partidos consecutivos sen coñecer a vitoria.

19 de setembro de 2009.
Dez anos despois, nunha das peores tempadas que se lembran por 'Casa Compos', e logo de dous empates e unha derrota no arrinque da tempada... nova caída en Barreiro ante o Celta B. Nova xornada perdida polos nosos, da man de Baleato, cun equipo que puido facer moito máis de non haber ningún problema alleo aos terreos de xogo, algo que marcou a tempada na división de bronce.
Ante o filial vigués, un once formado por Pablo Castro, Angelo, Catú, Toño, Rego, Jimmy, Gonzalo, Centrón, Claudio, Sestelo e Rubén Márquez ademais de Iván, Adrián e Jesús Torres, que entraron no segundo tempo. Diante, un Celta B con homes coma Sergio Álvarez, Oriol Riera ou Alex López, máis que coñecidos por todos. E, de feito, foron os dous últimos os autores dos dous goles celestes cos que sumar os tres puntos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario