18 de setembro

Logo da derrota de onte, nun partido para esquecer, volvemos coa historia recente do noso equipo e con resultados máis positivos. De feito, tal día coma hoxe, recórdanse tres encontros do noso equipo nos últimos 25 anos con dúas vitorias e unha caída, o ano pasado en terras luguesas.


18 de setembro de 1993.
Volvemos á tempada do ascenso á Primeira división. Na terceira xornada de Liga, o Compos tería que visitar a Cidade Deportiva do Real Madrid, no paseo da Castellana. Diante, un Real Madrid B que se confirmaría coma o mellor filial do país por enriba do Barcelona B.
Para asaltar o campo madrileño e sumar a terceira vitoria consecutiva en Liga, Castro Santos buscou dar a sorpresa cun once formado por Iru, Tocornal, Bellido, Cea, Goyo, Modesto, Bodelón, Abadía, Ohen, Moure e José, aos que logo engadir a Óscar e Pichi Lucas, entrando dende o banco. E non foi outro que o máximo goleador do equipo na tempada, Christopher Nusa Ohen, o autor do gol da vitoria ante o seu ex equipo.

18 de setembro de 1994.
Xusto un ano despois, xa na Primeira división, San Lázaro abría as súas portas para recibir ao Real Valladolid e vivir a primeira vitoria na máxima categoría na historia do clube santiagués. Un triunfo importante e que pasou á historia do noso equipo grazas a un gran equipo que, da man de Castro Santos asinaría a permanencia entre os grandes.
O adestrador de Poio tiña ante el a segunda oportunidade do curso de conseguir a primeira vitoria da categoría e, ademais, ante a afección branquiazul logo dun traballado empate días antes. Para conseguilo, puxo sobre o verde un once formado por Iru, Bellido, Tocornal, Galdames, Nacho, Lekumberri, Fabiano, Abadía, Passi, Ohen e Christensen, aos que engadir no segundo tempo a Toño Castro e Moure. O autor do único gol do encontro? O mesmo que anotou 13 tantos a tempada anterior: Nusa Ohen.

18 de setembro de 2016.
E rematamos na Terceira división. Un Compos incapaz de gañar a domicilio nas súas primeiras xornadas do campionato pero que chegaba con tres partidos consecutivos sen perder, visitaba tal día coma hoxe o Municipal de Castro Riberas de Lea para caer de novo nun mal segundo tempo onde os lugueses souberon superar ao equipo grande.
Con Yago Iglesias no banco e Lucas, Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo, Make, Samu, Diego Rey, Julián, Mitogo e Santi no once titular, aos que sumar logo a Martín, Tomás e Nogueira entrando dende o banco de suplentes, o Compos conseguiu poñerse por diante superada a media hora grazas a un gol de Mitogo. Non obstante, a ledicia non duraría xa que dous minutos despois chegaría o gol do empate, obra de Diego Rey en propia porta.
Na segunda metade, a cousa cambiou totalmente. O Castro pasou a tomar o control do encontro e a vinte minutos para o final do encontro chegou o gol de Iván González co que sumaron tres puntos moi importantes que, meses despois, non serviron para conseguir a permanencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario