12 de setembro

Dous de dous. Así se pode resumir o 12 de setembro nos últimos 26 anos. Un día onde o Compos se enfrontou en ámbalas dúas citas ao Leganés na Segunda división na tempada do ascenso á máxima categoría e na da volta á categoría de prata. Dous enfrontamentos e dúas vitorias ante un equipo que non sabe o que é gañar en Santiago logo de sete encontros con cinco vitorias branquiazuis e dous empates. 


12 de setembro de 1993. 
Un partido duro nun comezo de tempada dourado para o noso Compos. A Esedé recibía de novo ao Leganés en Santa Isabel, adestrado por Luis Ángel Duque, para sumar o segundo triunfo do curso nun partido co mesmo número de goles que de expulsados, todos por cartón vermello directo.
O equipo de Castro Santos saltou ao terreo de xogo con Iru, Víctor, Tocornal, Bellido, Cea, Goyo, Toni, Abadía, Fabiano, Ohen e José, aos que engadir durante o segundo tempo a Modesto e Moure. Encontro igualado e que non se decantou ata a media hora grazas a un gol de Fabiano dende os once metros. O brasileiro tamén fixo o segundo antes do tempo de lecer co que deixar encamiñada a vitoria ante un Leganés que, entre un gol e outro tivo que realizar o seu primeiro troco dando entrada a Pizarro. 
O segundo tempo xa foi outra historia. Aos quince minutos, Carmona Méndez expulsou a Fabiano e só dous minutos despois a Toni, polo Compos, e a Pizarro, logo de menos de trinta minutos sobre o campo. Tres expulsións que deixaron en superioridade numérica a un Leganés que recortou diferenzas cun gol de Chuso a quince minutos para o final. 

12 de setembro de 1998.
Mesmos equipos, mesma cidade, mesmo día e mesma categoría. Cinco anos despois, Compos e Leganés se viron as caras de novo na volta dos nosos á división de prata. Terceira xornada de liga e novo encontro sen perder nunha tempada un tanto rara con ata cinco adestradores diferentes. 
Nesta ocasión, a vitoria ante o Leganés non foi tan complicada, mais foi precisa unha remontada. O equipo de Maceda, formado por Rafa Gómez, Mauro, William Amaral, Villena, Tabuenka, Nacho, Lekumberri, Fabiano, Passi, Sion e Prieto, aos que logo engadir a Quiroga, Baston e Bellido, comezou por debaixo no marcador logo dun gol de Juanmi para os madrileños. Un tanto que foi seguido da entrada de Quiroga por Tabuenka. 
No segundo tempo chegou o mellor. A mellor versión dun Compos que non só remontou senón que, ademais, goleou. De feito, para ver a remontada non fixeron falta máis de vinte minutos grazas aos gol de Sion e Prieto. E se iso non era moito castigo para o Leganés, sete minutos despois quedaron cun home menos sobre o campo coa expulsión de Fede Bahón por dobre cartón amarelo. 
A goleada completouse xa no treito final do encontro con dous goles nos cinco últimos minutos, obra de Sion o primeiro para asinar o seu segundo do día e de Mauro para poñer o 4-1 definitivo no marcador. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario