10 de setembro

Inmellorable. Así se pode calificar un día no que o Compos conseguiu dúas vitorias en tres partidos. Pero non se trata de dúas vitorias normais senón ante dous rivais importantes e que aumentan a importancia dos triunfos. Deportivo, Racing de Ferrol e Oviedo crúzanse nun día onde, ademais, poderemos falar dunha nova cita da Esedé ante o Racing Vilalbés. 


10 de setembro de 1995. 
Unha estrea de tempada entre os grandes mellor do que se podería desexar. Con dous derbis nas dúas primeiras xornadas, o Compos e logo de sumar a primeira vitoria en Balaídos, tocaba recibir ao Deportivo en San Lázaro. Unha cita moi importante e que rematou cun resultado que case non aparecía nin nos mellores soños. 
E é que con Fernando Vázquez no banco e un once formado por Falagán, Tocornal, Bellido, Villena, Nacho, Lekumberri, Fabiano, Eraña, Passi, José Ramón e Ohen, aos que logo engadir a Toni, Christensen e Abadía; fixo realidade os mellores soños dos seareiros da Esedé. Un soño para o que Fabiano puxo a primeira pedra aos vinte minutos e José Ramón, a segunda, a dez minutos para o tempo de lecer.
Dous goles de diferenza ao final do primeiro tempo e novo tanto de Fabiano no arrinque da segunda metade para deixar case encarrilada unha vitoria só mellorable co gol de Ohen cinco minutos despois. 4-0 ante un rival histórico dos nosos e a postos europeos superando na táboa a Barcelona e Real Madrid. 

10 de setembro do 2000.
Tamén na segunda xornada, cinco anos despois, e ante outro equipo galego, o Compos sumaba un novo triunfo inesquecible. Na Malata, ante o Racing de Ferrol nunha tempada que remataría cun novo ascenso branquiazul, se sumaba a primeira vitoria a domicilio do curso, nun campo sempre especial. 
O equipo de Ballesta, formado por Rafa Gómez, Pinillos, Jubera, Chema, Biscay, Nando, Jacobo Campos, Fabiano, Díaz, Aguado e Sion, aos que sumar os trocos de Pignol, Cabrejo e Gudelj; adiantouse ao cuarto de hora grazas a un gol de Aira en propia porta. Un gol suficiente para chegar, minutos despois, ao tempo de lecer por diante no marcador. 
Máis fútbol e goles se puideron ver durante o segundo tempo co Compos facendo o segundo, obra de Aguado, con menos de vinte minutos por diante. Non obstante, o Racing de Ferrol buscou meterse de novo no partido cun gol de Pazolo. E, por sorte, Díaz pecharía a vitoria co terceiro cinco minutos despois.

10 de setembro de 2002.
E rematamos o día cunha derrota. Na primeira rolda da Copa Do Rei 2002/03, o Compos non precisou máis de noventa minutos para dicir adeus á competición. Ante o Real Oviedo en San Lázaro, a Esedé, sen ideas, non puido chegar aos dezaseisavos.
O equipo de Duque, formado por Tito, Pinillos, Jesús Torres, Castiñeiras, Adriano, Vojvoda, Pignol, Fidalgo, Juanito, Arquero e Maikel, aos que engadir os trocos de Sequeiros, Cabarcos e Lima, topouse cun muro formado polo equipo asturiano, ás ordes de Enrique Marigil e algún xogador galego nas súas filas coma no caso do 'Chino' Losada. Un xogo dominado polo Oviedo e que se decantou do lado visitante grazas a un gol de Rubén Suárez a piques de cumprirse a hora de partido. 
Un mal resultado que foi a excepción durante os catro primeiros encontros, onde o Compos asinou tres xornadas consecutivas empatando 1-1. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario