Volvemos a Pontevea


Por terceiro ano, o Compos volve a Pontevea para xogar o Triangular do Praíña Sc.P.. A oitava edición deste triangular das aforas de Santiago volverá a contar co equipo branquiazul ademais de Cerceda e Céltiga, tres equipos de nivel e que seguro deixarán unha boa tarde de fútbol no Campo de Reis.
O Compos non está a pasar o seu mellor verán. Logo de perder ante Lugo e Depor B, neste caso a penaltis, e gañar ante Negreira e Dubra. A iso hai que engadir a recente derrota do mércores na Copa Deputación ante o Noia que fixo que o equipo perdera a oportunidade de aumentar o plan de traballo durante dúas semanas máis, obrigando á directiva a buscar algunha nova ocasión de prepararse de cara á cita ante o Silva do día 20 que dará comezo á tempada regular.
Pola súa parte, o Cerceda prepara a súa estrea, histórica, na Segunda B logo de ascender nos despachos nun verán algo movido. Un equipo que terá outra cita importante o domingo ante o Paiosaco logo de bater ao Atlético Coruña. Antes, superaron a Somozas e Xallas e perderon ante o Deportivo nun partido onde puxeron contra as cordas ao conxunto coruñés.
O Céltiga buscará mellorar sobre o campo o que reforzou no mercado, con bastante pasado branquiazul. Paco, Ángelo e Jacobo Tato enfrontaranse ante o seu ex equipo logo de gañar a Arousa e Moaña e perder a penaltis ante o Coruxo despois dun empate sen goles nos primeiros noventa minutos.
Esta será a terceira ocasión na que a Esedé xogue nos últimos anos en Pontevea. Nas anteriores citas, os nosos non puideron facerse co primeiro posto ante rivais importantes. Na última, o ano pasado, Dous malos resultados ante Somozas e Coruxo non serviron de moito para o equipo de menor categoría do torneo.
O triangular dará comezo ás 18:30h co Compos-Céltiga, unha hora despois comezará o Céltiga-Cerceda e ás 20:30h volverá o Compos para enfrontarse ao Cerceda. Ás 21:30h será o reparto dos trofeos. As entradas para o triangular no Campo de Reis terán un prezo de 5 euros.

Outro amigable. 
Logo de perder a oportunidade de seguir coa preparación na Copa Deputación, o clube estivo rápido buscando un novo partido co que rematar a preparación de cara ao inicio da tempada. Pois ben, a falta do torneo, o Compos terá o sábado 12 unha cita importante en Vilalba ante o Racing Vilalbés, no Trofeo President tres días antes de xogar o que será o último encontro de pretempada ante o Puebla na Pobra do Caramiñal.

E dúas baixas.
Catro eran os rapaces a proba no primeiro equipo e dous deles remataron a súa carreira na Esedé polo momento. Borja Márquez e Samuel Marque non seguirán no Compos logo de non convencer a Yago Iglesias para dar o salto ao primeiro equipo. Os dous, que xa remataron a súa preparación na base este mesmo ano, buscarán demostrar o seu nivel lonxe da casa e aos que só se lles pode desexar moi boa sorte no seu futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario