Novo curso

Arrinca un novo curso en San Lázaro e un novo obxectivo para o clube da capital galega. Logo dun ano que serviu para coller forzas e aprender algo máis da categoría, o Compos comeza esta nova tempada coa misión de volver a categorías nacionais alá polo mes de xuño.
Nesta primeira data do campionato 2017/18, San Lázaro abrirá as súas portas para recibir ao Club Silva SD, equipo coruñés que militará na Terceira por cuarto ano consecutivo coa misión de mellorar o 9º posto colleitado a pasada tempada e que marca a súa mellor posición histórica. Un partido que servirá, sobre todo, para coñecer se o noso equipo ten, dende un principio, nivel para loitar polo primeiro posto.


Catro anos.
O Silva conseguiu un ascenso histórico á Terceira división no ano 2014 logo de superar ao Vilalonga na eliminatoria entre terceiros. Dende esa tempada, tres anos consecutivos do conxunto coruñés acadando a permanencia e loitando, o ano pasado, por algo mellor ata o treito final do campionato, cando perderon a oportunidade matemática de facerse un oco entre os catro primeiros.
Malia perder pezas importantes, o Silva de Bardanca reforzouse este verán cambiando a gran parte dos seus efectivos procedentes de equipos importantes tanto da Terceira coma de Preferente. Sen dúbida, un equipo que sempre dá problemas e que nesta pretempada, logo de mes e medio de traballo, gañou un total de 7 partidos de 9 xogados, perdendo só ante o Depor e empatando sen goles ante o Racing de Ferrol, caendo logo nos penaltis na Copa Deputación. Un equipo que, por outro lado, segue vivo na Copa RFEF e que chegará logo dun partido máis este mesmo mércores.

Repetimos?
Aínda con opcións de entrar na promoción de ascenso, o Silva visitaba San Lázaro a nove xornadas para o final do campionato. Un equipo forte e que chegaba nun bo momento á capital galega para medir a un Compos que amosou, unha fin de semana máis, o seu bo traballo na casa.
O partido, pola mañá e ante non moito público, arrincou do mellor xeito posible. Un gol de Nogueira poñía o camiño un chisco máis fácil para os nosos ante un Silva que non foi quen de repoñerse. Xa no segundo tempo, repetiu Nogueira e Recoba confirmou a vitoria branquiazul, que aínda tería un final mellor. Dende os once metros, Renan Zanelli fixo o gol silvista que non chegou a incomodar a ninguén xa que, cinco minutos despois, Ube devolveu os tres goles de diferenza ao marcador, distancia que aumentou minutos despois Santi pechando o 5-1 definitivo.
Outro dato que destacar é que dese equipo hai un total de nove xogadores, dos catorce que defenderon a camisola compostelanista, que repiten no plantel, aínda que tanto Diego Rey coma Ube poderían non estar por lesión.

Primeiro exame serio para as fichaxes.
Sen dúbida, as novas incorporacións da Esedé deixaron moi boas sensacións durante toda a pretempada. Goles e bo xogo fixeron que os sete recén chegados se gañaran un posto no once titular, polo menos durante a preparación do curso.
Todos contaron máis ou menos co mesmo tempo de xogo, agás Primo por lesión e Sobrido, que chegou a falta de dous partidos, e deron o mellor de eles mesmos sobre o campo. Tal foi así que entre os sete asinaron un total de dez goles sendo Sergio e Naveira os únicos que non viron portería polo de agora.
Róber, que xogou por detrás dos dianteiros, foi sen dúbida o que mellor amosou a súa facilidade de cara a porta con 3 goles. Ares e Primo anotaron 2 cada un e Sobrido, en só dous encontros, asinou outros 2. Por último, Álvaro Casas fixo un gol máis, o primeiro do Compos 2017/18.

Quen defenderá a porta?
Sen dúbida, os dous porteiros que defenderán este curso a porta da Esedé deixaron moi boas sensacións durante toda a pretempada complicando a decisión final a Yago Iglesias. Os dous compartiron case os mesmos minutos sobre o terreo de xogo e no total só se diferencian nun gol, xa que Lorenzo encaixou 7 tantos e Lucas 6.
A pasada tempada, Lucas foi o dono da portería branquiazul durante gran parte da tempada, perdendo o posto durante unhas xornadas en favor de Cedrón e xa sen nada en xogo ante Lorenzo. Haberá troco na portería este curso ou seguirá Lucas sendo o dono habitual?

Un de cinco.
O Compos non arrinca a tempada na casa por segunda vez nos seis últimos anos. De feito, ese único enfrontamento en San Lázaro foi a única vitoria branquiazul nunha primeira xornada dende o ano 2011, cando superaron, tamén a domicilio, ao Unión de Asados en Preferente.
Unha vitoria, en 2014 ante o Burgos en Santiago, foi o mellor resultado ao que acompañan catro malos a domicilio. En 2012 tampouco se arrincou con derrota, na tempada do ascenso, cun empate a un gol en As Somozas. Ademais, derrotas ante Ourense, Logroñés e Fabril nos que o noso equipo chegou a encaixar un total de 9 goles e só anotou un, na derrota por 5-1 en Abegondo o pasado ano.

Dúas baixas e unha dúbida.
A día de hoxe, só se pode falar de dúas ausencias seguras para esta estrea. Diego Rey, que aínda non puido contar con minutos dende a volta ao traballo, e Ube, que caeu mancado no comezo do partido ante o Lugo, serán baixas seguras para o partido por lesión. Pola súa parte, Primo será dúbida ata última hora por un golpe.

Volta a casa.
O 25 de xullo, San Lázaro abriu as súas portas para o 'II Memorial Antonio Bermúdez'. Un partido interesante e importante ante o Clube Deportivo Lugo e que serviu, en gran parte, para contar coa presentación do equipo na casa. Pois ben. 26 días despois, o teatro dos soños de Santiago acollerá o primeiro partido da Esedé de liga na casa. Será o domingo día 20 deste mes de agosto ás 19 horas coas entradas para non socios aos prezos habituais: 10 euros para maiores de idade, 5 euros para rapaces entre os 17 e os 13 anos e de balde para menores de 12 anos.
Quen non poida asistir ao encontro poderá seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben no perfil oficial en Twitter do Compos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario