Gran imaxe

Logo da derrota ante o Noia, o Compos superou un gran triangular, de alto nivel, a Céltiga e Cerceda repetindo o mesmo resultado nas dúas citas e deixando moi boa imaxe tanto no xeral nos 90 minutos, coma no particular algúns xogadores, entre os que cabe destacar a Sobrido na súa estrea coa camisola branquiazul. 


Vitoria importante.
O triangular arrincou co Compos e o Céltiga, equipos da mesma categoría, sobre o terreo de xogo. O conxunto branquiazul foi superior e o dominio sobre o terreo de xogo, ademais dun bo estilo de fútbol, fíxose efectivo grazas ao bo traballo dos dous dianteiros que saltaron no once inicial. 
Mediado o encontro, Sobrido inaugurou a súa conta particular como xogador do Compos cun bo gol e Santi, xa con pouco tempo por diante, sentenciou o encontro co segundo tanto. Resultado cómodo ante o equipo da Illa de Arousa pero con derrota nos penaltis posteriores, realizados para dar a coñecer de xeito máis claro un posible campión en caso de empate no total ao final.

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Uña, Mon, Queiruga, Sergio; Casas, Samu, Tomás; Santi e Sobrido.
CARTÓNS: -.
GOLES: 1-0 27' Sobrido, 2-0 40' Santi.
CAMPO: Campo de Reis.

E a sentenza.
Se ante o Céltiga o equipo amosou un bo nivel, non foi menos ante o Cerceda. O equipo de Segunda B, que caeu ante os arousáns cun gol de Stefan, chegaba a este final coa obriga de superar aos nosos para, polo menos, non rematar na última posición do total. Non obstante, nun partido bonito e con ocasións nas dúas porterías, a vitoria foi de novo para a Esedé. 
Cun once semellante ao do partido ante o Céltiga, pero con diferenza no debuxo táctico, o Compos foi de novo un claro gañador do encontro. Corenta e cinco minutos de bo fútbol por parte das dúas escadras pero cos nosos máis acertados de cara a porta. O Cerceda buscou a portería topándose cun bo Lucas e Róber inaugurou o marcador neste terceiro encontro. Rubén estivo a piques de facer o segundo, petou no pau o seu lanzamento, e Sobrido, logo dunha boa xogada de Alex Ares, pechou a vitoria facendo o seu segundo gol da tarde e deixando grandes sensacións.

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio, Queiruga, Casas, Naveira; Samu, Mon; Ares, Róber, Rubén; e Sobrido.
CARTÓNS: -.
GOLES: 0-1 25' Róber, 0-2 45' Sobrido.
CAMPO: Campo de Reis.

Agora o equipo debe volver ao traballo para preparar xa o encontro da vindeira fin de semana ante o Racing Vilalbés na Magdalena, no 'Trofeo President'.

Ningún comentario:

Publicar un comentario