Campións do Trofeo President

Chega a San Lázaro un novo trofeo da SD Compostela. O Compos fíxose en Vilalba co Trofeo President ante o Racing Vilalbés deixando, a oito días para o arrinque da liga, unha moi boa imaxe ante o que podería ser un dos rivais claros de cara a entrar na promoción de ascenso. 
Vitoria con remontada incluida contra un Racing Vilalbés que non puxo as cousas nada fáciles e que se adiantou no primeiro tempo malia verse superado claramente por un Compos que, de novo, amosa problemas á hora de finalizar con acerto as moitas ocasións que crea.


Perdoar non acaba ben. 
O Compos foi moi superior sobre o campo da Magdalena ante un Racing Vilalbés que non sacou todo o mellor co que conta no equipo mais a sorte non estivo do lado branquiazul, que perdoou as tres primeiras ocasións das que gozou dando ao conxunto local a oportunidade de poñerse por diante. 
Superado o ecuador da primeira metade, despois de dúas oportunidade moi claras de Sobrido perdoadas diante do porteiro, Moreda non errou ante Lorenzo logo de roubar a pelota rematando cunha posible ocasión perigo branquiazul. 
Era o momento de reaccionar. Había que dar a volta ao marcador e, cun once moi ofensivo, non tardaron en chegar as ocasións de novo sobre a porta lucense. Róber e Santi tiveron a oportunidade de igualar o resultado en cousa de cinco minutos pero non foi ata algo máis de dez minutos máis tarde cando o dianteiro branquiazul asinou a igualada logo dunha xogada individual de Alex Ares e asistencia de Saro.

Efectividade.
A segunda metade foi semellante á primeira co Compos superando ao Racing Vilalbés sen demasiadas complicacións. A iso hai que engadir que, de novo, Santi foi quen de bater ao porteiro contrario a pase de Mon e asinando un dobrete importante a pouco tempo de recibir ao Silva amosando que, ademais, pode xogar ben sen ser o único punta. 
Ao anterior hai que engadir que, durante a segunda metade, Yago Iglesias probou a Casas no posto de central colocando a Samu e Mon no centro do campo. 

Un resultado moi positivo coa mirada posta no derradeiro partido da pretempada, en menos de 24 horas, ante o Puebla na Pobra do Caramiñal e na visita do Silva a San Lázaro o vindeiro domingo. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Cardeñosa (Samu, min. 46), Uña, Naveira; Mon, Casas; Ares, Santi, Róber; e Sobrido.
CARTÓNS:  -.
GOLES: 1-0 25' Moreda, 1-1 37' Santi, 1-2 50' Santi.
CAMPO: A Magdalena.

Ningún comentario:

Publicar un comentario