Á casa de Make

O sábado teremos a penúltima cita antes do comezo da tempada oficial. Xusto oito días antes de arrincar a liga, teremos unha cita importante ante un rival co que, logo, haberá que loitar por ser un dos catro primeiros clasificados. E é que o Racing Vilalbés convidou aos nosos a xogar un torneo amigable na Magdalena para case pechar a preparación, só a falta de visitar ao Puebla o martes.


Un novo torneo amigable.
Logo de tres torneos amigables e con outro máis por xogarse o vindeiro martes, o Compos terá este sábado a oportunidade de facerse por primeira vez co Trofeo President de Vilalba, logo de caer hai xa sete anos por un contundente 4-0 con homes coma Roberto Piñeiro, Imanol ou Paco, que anos despois conseguirían o último ascenso á Terceira división.
Un torneo que contará este ano coa súa vixésima edición logo da súa creación en 1997 e que contou con convidados coma o Boiro, Somozas ou Deportivo B e que, para esta edición, fará o propio cun gran Compos que buscará manter o bo nivel que amosou no Triangular do Praíña. 

Medio ano.
Aínda non hai seis meses que o Compos pisou por última vez o campo da Magdalena. O 25 de febreiro, para ser exactos, a Esedé caía ante o Racing Vilalbés a domicilio nun partido importante que rematou con vitoria local por 2-0, con goles de Rubén Gómez e Caballero. Ademais, hai que engadir que se verán as caras de novo no campo lugués no mes de setembro, na xornada 4.
Ao anterior hai que sumar un dato máis. E é que o Compos non gañou aínda no feudo vilalbés conseguindo só un puntos de seis posibles, algo que se compensa coas dúas vitorias branquiazuis en San Lázaro. 

Sete. 
Logo de case un mes, a Esedé xogará este sábado o seu sétimo encontro de pretempada. Seis precedentes que remataron con vitoria ante Negreira, Dubra e Céltiga e Cerceda no triangular, un empate ante o Fabril e dúas derrotas ante Lugo en San Lázaro e Noia na Copa Deputación.
Pola súa parte, o Racing Vilalbés enfrontouse este verán ao Deportivo, o Polvorín, un triangular ante o Monterroso e de novo ante o filial do Lugo, o Outeiro de Rei, Santirso e CD Castro. Adianto dun curso duro onde o obxectivo será, de novo, rematar nos postos de promoción de ascenso. 

Á casa de Make.
O sábado, A Magdalena abrirá de novo as súas portas para o 'Trofeo President'. O partido dará comezo ás 18 horas e será unha das probas máis importantes a pouco de dar comezo a liga, unha primeira data na que o Compos terá que verse as caras ante o Silva mentres que o Racing Vilalbés fará o propio ante o Bergantiños nas Eiroas. 
Outro dato máis curioso que importante é que o Compos terá como rival a unha peza importante do grupo do curso pasado. Make non puido facerse un oco por segundo ano e volveu á súa casa, ao Racing Vilalbés, no que buscará a promoción de ascenso.
Quen non poida asistir ao encontro poderá, como é habitual, seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario