Últimas novas sobre o verán

A dous días de comezar os adestramentos, temos dúas novas importantes de cara á pretempada branquiazul. Unha terá que ver cos enfrontamentos e outra co equipo compostelanista, xa pechado e que podería aumentar só con xogadores saídos das categorías inferiores. E diso hai que falar.

23 xogadores.
Yago Iglesias contará con 23 homes para esta pretempada. O adestrador branquiazul non só terá baixo o seu mando dende o día 18 aos 19 xogadores que, neste momento, forman o primeiro equipo do Compos senón que ademais contará con catro homes máis das categorías inferiores, dous deles que rematan xa a súa formación e deben buscar un oco no equipo ou ben saír cedidos. Víctor Vilariño, Jorge Queiruga, Borja Márquez e Samuel Marque serán os catro que loitarán por comezar o curso cos maiores.
Samuel Marque e Borja Márquez remataron este verán a súa formación nas categorías inferiores do Compos e poderían comezar a súa carreira na casa de deixar boas sensacións. Marque pode xogar tanto de central coma de lateral dereito mentres que Márquez pode facelo tanto de lateral coma de interior, posicións que poderían estar pouco cubertas no conxunto compostelanista.
Por outro lado, Vilariño e Queiruga aínda terán un ano máis nas categorías inferiores do equipo mais buscarán reforzar o primeiro equipo este verán. Os dous xogadores, ambos do ano 2000, foron uns fixos o ano pasado no Xuvenil Nacional. No caso de Vilariño, trátase dun centrocampista mentres que Queiruga é, ao igual que Marque, central.
Catro xogadores que poden reforzar a parte defensiva do equipo durante este verán.

E unha variación.
Hai algo menos de dúas semanas coñecimos o calendario de pretempada do noso equipo. Pois ben, este sábado pola tarde coñecimos a primeira variación. E é que o primeiro enfrontamento, o do día 22 na Escravitude, non será ante o Boiro senón ante o Negreira. O 'I Torneo Vila de Padrón', que ademais será o 50 aniversario da SD Esclavitud, terá como prato principal un Compos-Negreira no Novo Campo do Doce.
O partido que abrirá o novo curso para os nosos será o sábado 22 ás 19:30 horas e as entradas terán un prezo de 5 euros para todo aquel que queira asistir á estrea dos nosos, que tres días despois terán unha cita importante en San Lázaro.

Copa Deputación. 
A día 16 de xullo aínda non hai información sobre a Copa Deputación da Coruña 2017. Un dos torneos máis importantes no verán galego e que non se lle dá de todo mal ao Compos, dará comezo nos vindeiros días. Entre finais deste mesmo mes de xullo e a comezos de agosto, a Esedé volverá a xogar un campionato que gañou en tres ocasións, dúas nos cinco últimos anos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario