Primeira derrota


O Compos sufriu ante o Lugo a primeira derrota do curso. Un pau importante en canto ao resultado contra un rival de categoría moi superior, mais non así en canto a xogo, amosando o Compos un bo xogo de toque aínda que sen conseguir chegar á portería rival. 
Noventa minutos de control lugués e facilidade á hora de perforar a porta branquiazul. Así transcorreu o primeiro encontro en San Lázaro da pretempada cun resultado final de 0 goles a 4, a prol do Lugo con tantos de Sergio Gil, Guille Donoso e Cristian Herrera por partida dobre. 

As malas novas nunca veñen soas.
O partido, e a presentación, comezou cunha mala nova. Primo, dianteiro que anotou o cuarto ante o Negreira e que partiría coma titular, non puido xogar por unha lesión no quencemento. Pero non foi o único que non puido rematar o encontro, Ube tivo que retirarse aos once minutos de partido por lesión cando o Compos parecía estar a igualar en forzas ao equipo de Segunda división.
Ben é certo que o traballo de Ube estaba a ser máis de carácter ofensivo pero logo do troco, un minuto despois, chegou o primeiro tanto visitante. Sergio Gil adiantou aos seus cun disparo que superou a Lucas por alto ante o que nada puido facer o gardamallas. 

Cristian Herrera non perdoa. 
O ex dianteiro do Girona non quixo perdoar o máis mínimo na loita con Lucas durante os primeiros corenta e cinco minutos. Ademais, aproveitou á perfección cada erro da defensa branquiazul para encarrilar a vitoria luguesa antes do tempo de lecer con dous tantos máis en dous minutos. 
Un dos homes máis activos en ataque do CD Lugo non quixo desaproveitar o primeiro córner. Sergio Gil pon a pelota no corazón da área e aí aparece Cristian Herrera para cabecear libre de marca. Erro da defensa e segundo tanto do partido. Mais, só un minuto despois fixo o terceiro da tarde logo dun roubo en zona de tres cuartos e golazo picando a pelota ante a saída de Lucas.

Mal segundo tempo.
A segunda parte non se puido comparar en nada coa primeira. O Compos saiu cun once totalmente diferente mentres que o Lugo só fixo algúns trocos deixando unha boa base do equipo. Pouco que contar xa que os visitantes fixéronse co control da pelota e case nin puxeron en perigo a porta agora defendida por Lorenzo. 
Por destacar algunha cousa pódese dicir que o Lugo, Campillo, errou un penalti cando tiña todo para facer o cuarto, que Guille Donoso fixo o mellor gol da tarde cun disparo dende lonxe que entrou logo de petar no longueiro e que Saro foi o autor da única ocasión do Compos en todo o partido. Ademais, Lorenzo tivo unha gran actuación ante un rival que xa baixara a intensidade do xogo. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio, Cardeñosa, Álvaro Casas, Naveira; Ube (Samu, min. 11), Mon; Tomás, Ares, Rober; e Santi. Tamén xogaron: David Uña, Lorenzo, Márquez, Marque, Queiruga, Víctor, Alberto Freire, Rubén e Saro.
CARTÓNS: -.
GOLES: 0-1 13' Sergio Gil, 0-2 28' Cristian Herrera, 0-3 30' Cristian Herrera, 0-4 72' Guille Donoso.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario