Gran estrea


O Compos comezou a pretempada con moi boas sensacións. O equipo branquiazul superou ao Negreira cun bo partido sobre o verde do Novo Campo do Doce, na Escravitude, e no que as novas pezas do conxunto dirixido por Yago Iglesias amosaron un gran nivel marcando tres dos cinco goles nunha tarde de verán na que os nosos se fixeron co primeiro torneo do curso 17/18.
Primeira cita da pretempada e diante un rival da mesma categoría dos nosos que puxo resistencia durante os primeiros corenta e cinco minutos e perdendo en tódalas partes do campo durante o segundo tempo, onde a superioridade branquiazul foi efectiva en tódolos sentidos. 

Igualdade sen intensidade. 
O partido non gozou de alta intensidade mais si de ocasións claras e goles, ata sete en total. Unha serie de tantos que comezaron aos quince minutos de xogo co primeiro tanto do Negreira aproveitando un erro da defensa, que durante a primeira parte non tivo a súa mellor tarde. 
A vitoria negreiresa mantívose durante dez minutos máis, ata que Álvaro Casas, a balón parado, fixo o seu primeiro tanto coa camisola branquiazul. Porén, a ledicia dos nosos non se alongou moito máis dunha xogada xa que, nunha xogada rápida, conseguiu poñerse por diante de novo o equipo vermello.
Co segundo gol do Negreira, o Compos foi moi superior sobre o verde e, antes do tempo de lecer, chegou un novo empate con gol de Alex Ares, que confirmou ser un dos mellores xogadores da categoría un ano máis. 

Novo equipo e goleada. 
Os trocos non fixeron máis que mellorar o nivel branquiazul na segunda metade. A superioridade da Esedé sobre o campo, ademais, non tardou en transformarse en goles. Mon puxo por diante aos nosos por primeira vez cunha falta directa no primeiro tanto dun repetidor no equipo. 
E se no primeiro tempo era Ares o que deixaba moi boas sensacións, no segundo foi Primo. O dianteiro cántabro fixo o cuarto da tarde nun contraataque definindo á perfección ante o porteiro logo de desfacerse do porteiro. E ademais de goleador, tamén deixou unha asistencia para Ube, que non perdoou o quinto e definitivo. 

Agora, o equipo preparará nas seguintes horas o encontro do martes ante o CD Lugo, que suporá ademais a presentación da Esedé en San Lázaro de xeito oficial.

ALIÑACIÓN: Lorenzo (Lucas, min. 46); Sergio (Márquez, min. 46), Uña, Queiruga, Marque (Naveira, min. 46); Alberto (Ube, min. 46), Casas (Mon, min. 46); Ares (Saro, min. 46), Tomás (Víctor, min. 46), Rubén (Rober, min. 46); e Santi (Primo, min. 46). 
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 0-1 16' Cristian, 1-1 26' Casas, 1-2 27' Iván González, 2-2 35' Ares, 3-2 55' Mon, 4-2 34' Primo, 5-2 36' Ube.
CAMPO: Novo Campo do Doce. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario