Chega o gol!


Un día despois de confirmarse gran parte da pretempada branquiazul, quedando aínda por coñecerse o calendario da Copa Deputación que ocupará parte de xullo e medio agosto, o Compos confirma a chegada do tan agardado dianteiro. Descartados nomes como Javi Pazos do Vilalonga ou Uxío, que asinou hai poucos días polo Deportivo B, chega a Santiago Óscar Manuel Conde Cruz, máis coñecido como 'Primo'. 
Cántabro de 24 anos, Primo chega ao Compos procedente das filas do CD Vitoria, filial da SD Eibar e co que conseguiu hai uns días o ascenso á Segunda división B. Dianteiro centro con gol e ampla experiencia na Terceira división pasando polos grupos cántabro e vasco e, incluso, con minutos na Segunda B. 
Comezou a súa carreira nas filas do CD Laredo alá polo ano 2013 xogando un partido na fase de ascenso ante o Deportivo Pacense. Ao ano seguinte contou con algo máis de tempo nas filas do equipo cántabro xa no treito final do campionato cun total de 7 partidos e un gol. 
Do Laredo pasou ao Tropezón. O equipo de Tanos militaba na Segunda B, descendendo ese mesmo ano, e puido contar con case 400 minutos na categoría de bronce anotando un total de 4 goles, un deles en San Lázaro na goleada do Compos por 4-2. Poucos minutos de xogo pero xa amosando facilidade para facer dano na área rival.
A seguinte tempada non se moveu moito asinando pola Gimnástica Torrelavega, coa que xogou de novo promoción de ascenso á Segunda B por terceiro ano na súa carreira. 32 partidos sendo xa un fixo na punta de ataque, máis de 2.400 minutos, e, o máis importante, 26 goles. Uns números máis que bos para asinar un ano máis polo equipo cántabro. Non obstante, só estivo media tempada máis, o curso pasado, onde xogou 20 encontros e anotou 13 goles en 1.400 minutos. 
A gran primeira volta en Torrelavega abriulle as portas dun filial de Primeira división. Cambiou Cantabria por Euskadi e tardou algo máis dun mes en estrearse no seu novo equipo, o CD Vitoria. Entrou por primeira vez ante o Deusto e non quixo desaproveitar a oportunidade facendo o seu primeiro gol co seu novo equipo. Na súa seguinte aparición anotou de novo, esta vez ante o Balmaseda, e pechou a súa conta particular co que podería ser o gol máis importante da súa carreira ata o de agora: o que confirmaba o ascenso do CD Vitoria á Segunda división B ante o Atlético Astorga na final da promoción de ascenso. 
Máis de 40 goles nas dúas últimas tempadas amosan o bo traballo que tamén se está a facer por parte da directiva branquiazul para atraer á 'Casa Compos' un seguro goleador que xa sabe o que é marcar en San Lázaro.

Make volve á súa casa.
Logo dun ano en Santiago, Make volve ao Racing Vilalbés, equipo onde militou dende 2010 ata 2016 comezando alí a súa carreira deportiva e onde a continuará logo dun ano no Compos no que non rematou de convencer o suficiente para gañarse unha renovación. Un xogador que foi de máis a menos e que, en 32 partidos, anotou un gol ante o Arousa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario