Case definida a pretempada

Co equipo aínda sen rematar de confeccionar, o Compos xa adiantou o que será a pretempada branquiazul a falta de coñecerse o calendario e posible rival na Copa Deputación. Seis citas importantes co noso equipo ante rivais importantes con tres torneos de verán e, por sorte, un partido en San Lázaro para celebrar un día de festa na capital. 
Os adestramentos comezarán en San Lázaro II o martes 18 de xullo e non tardaremos en ver a primeira proba para o novo Compos moi preto de Santiago e ante un rival que ben podería considerarse dunha categoría superior, malia descender fóra dos terreos de xogo nos últimos días. Un partido que, ademais, será de festa xa que será o prato principal da celebración polos 50 anos da SD Escravitude. O Novo campo do Doce acollerá un Compos-Boiro que xa comeza a ser un clásico do verán branquiazul xogándose por terceiro ano consecutivo. Será o 22 de xullo, sábado, ás 19:30 horas.
Outro que xa semella ser un clásico dos veráns é o Compos-Lugo. Por cuarta vez en tres anos, santiagueses e lugueses enfrontaranse en pretempada. Nesta ocasión será, por fin, en Santiago e servirá coma homenaxe a un dos grandes do periodismo da capital, Antonio Bermúdez, falecido hai algo máis dun ano cando saía do estadio branquiazul. Unha homenaxe para un dos grandes nun gran día tanto para Santiago coma para o resto da nosa terra xa que se xogará o martes 25 de xullo, o día de Galiza. Será ás 20 horas en San Lázaro e de balde para os socios da Esedé. 
Esa mesma semana, xa na fin de semana, teremos dúas citas máis co noso equipo. O sábado 29 visitaremos o Juan Baleato de Bembibre para enfrontarnos ao Dubra mentres que ao día seguinte volveremos un ano máis a Camporrapado, ao campo da Silveira, para un bo partido ante o Deportivo B, novo equipo da Segunda B. Os dous encontros serán ás 19:30h.
Unha semana despois, o sábado 5 de agosto, teremos unha nova saída que xa é segura nos plans de verán do Compos. O Torneo do Praíña, en Pontevea, entra un ano máis no calendario branquiazul onde se enfrontará a dous rivais aínda por definirse. 
E, de momento, pechamos o calendario de verán cun torneo amigable na Pobra do Caramiñal ante o Puebla, equipo de Primeira Autonómica. Será o martes 15 de agosto ás 20h e o gañador poderá facerse co Trofeo Conde de Fenosa.
Recordamos que a todo isto hai que engadir a Copa Deputación da Coruña, calendario que se coñecerá nos vindeiros días, e cuxos encontros adoitan ser domingo e mércores, tendo agora mesmo tódolos mércores libres e só un partido un domingo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario