Tomás, outra peza importante



O equipo do Compos xa vai collendo forma. Forma de ser un dos favoritos para, xa sen o Deportivo B nin o Rápido de Bouzas na loita, conseguir estar entre os catro primeiros ao final da tempada. Para iso, Castiñeiras e compañía están a facer unha gran labor organizando un equipo o antes posible. A última peza para este novo curso, Tomás. O vigués asina un novo contrato coa Esedé, xa en propiedade logo de rematar co Pontevedra e defenderá a camisola branquiazul ata xuño de 2018.
Tomás foi unha das pezas importantes no equipo de Yago Iglesias na pasada tempada ata que unha lesión o parou. Un seguro sobre o terreo de xogo, con facilidade á hora de facer gol e que xogou tanto no centro do campo como de dianteiro. 26 partidos xogados, case 2.000 minutos de xogo, 11 cartóns amarelos e, o máis importante, 7 goles, dous deles ante o Cerceda para conseguir unha vitoria moi importante.
O centrocampista vigués estreouse en partido oficial co Compos, procedente do Pontevedra, ante o Deportivo B. Un fixo no once branquiazul, perdeu a titularidade ante o Ordes por sanción. Primeira ausencia de Tomás nunha convocatoria e o mesmo pasou xa na segunda volta, faltando ante o Castro.
Porén, a súa ausencia máis importante chegou logo de xogar a primeira media hora ante o Bergantiños. Logo de 33 minutos sobre o terreo de xogo, tivo que deixar o campo mancado por unha lesión que, nun principio, o apartaría durante un mes deixándoo fóra dos terreos de xogo ata o final do curso marcando en gran parte o final da campaña branquiazul, perdendo ao mellor da primeira volta.
Con el xa son 17 xogadores os que forman o equipo de cara á vindeira tempada e rematan así as negociacións coas pezas da pasada tempada máis dun mes despois do peche do curso regular.

O Estradense 'pesca' en Casa Compos.
O Estradense presentou hai uns días a Alberto Mariano como adestrador do primeiro equipo. O que foi adestrador na base da Esedé chegando a estrearse no banco do primeiro equipo logo do despido de Iñaki Alonso. E con el van, de momento, dous xogadores con pasado branquiazul. Ander Bellido, que deixou o primeiro equipo este verán, e Borja Míguez, futbolista que rematou este verán o seu paso polas categorías inferiores, formarán parte dun Estradense que buscará o ascenso á Terceira división.

Ningún comentario:

Publicar un comentario