Chega un novo lateral


O Compos conta coa súa terceira incorporación para un equipo que vai collendo forma de xeito moi rápido este verán. A un mes para o arrinque da pretempada branquiazul, o equipo que dirixirá Yago Iglesias conta xa con quince xogadores, aos que nas vindeiras horas saberemos se sumar a Tomás e Recoba. Sergio Pereira chega ao equipo santiagués para loitar polo posto de lateral dereito, que neste momento ocupa Saro, para reforzar a defensa. 
Nado hai 20 anos en Santa Comba, Sergio Pereira Blanco formouse nas categorías inferiores do Deportivo e, logo de pasar polas filas do Silva, chega a Santiago procedente do Somozas, co que debutou na Segunda B, e descendeu, a pasada tempada. Un xogador con calidade e un bo futuro por diante que buscará os minutos dos que non puido desfrutar a pasada tempada no equipo da Ferrolterra. Chega, ademais, para loitar polo posto titular cun Saro que o curso pasado só atopou rival en Uña xogando case tódolos minutos do campionato. 
Formado no Deportivo e con experiencia xa na Terceira división logo de 28 partidos xogados nas filas do Silva, superando os 1.600 minutos de xogo; pasou polas filas do Somozas na categoría de bronce do fútbol español a pasada tempada xogando un total de 11 partidos, 9 deles de titular, e chegando case aos 800 minutos de xogo. Con el sobre o campo, o equipo somocense conseguiu 2 vitorias, 4 empates e 5 derrotas recibindo el 4 cartóns amarelos. 
Agora, o xogador de Santa Comba estará ás ordes de Yago Iglesias a partir do mes de xullo, cando o equipo volva ao traballo, e loitará por conseguir o seu primeiro ascenso á Segunda B. Asina ata 2019 demostrando unha vez máis que se busca facer un proxecto a un prazo algo máis longo do que se viña facendo.

E novidades importantes.
Nas vindeiras horas coñeceremos o futuro de dúas pezas importantes do noso Compos. Recoba e Tomás poderían confirmar se seguen na entidade branquiazul durante o venres. Tomás podería estar estudando ofertas de categoría superior logo de rematar o seu contrato co Pontevedra mentres que Recoba estaría pensando en colgar as botas e comezar a súa carreira de adestrador.
Outro caso é o de Diego Silva. O dianteiro de Porriño, nas filas do Choco a pasada tempada, estivo na axenda da Esedé ata hai ben pouco. Silva estivo a piques de facerse cunha das fichas que lle quedan ao equipo, seis agora mesmo sen límite de idade, mais non puido aceptar a oferta branquiazul por problemas cos horarios, incompatibles co traballo. Unha mágoa xa que se trataba dun dianteiro con gol, algo que lle faltou ao equipo a pasada tempada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario