Yago Iglesias, un ano máis


Aínda non comezou o novo curso e xa coñecemos a primeira renovación do Compos 17/18. Yago Iglesias será o adestrador do equipo un ano máis dando así continuidade a esta tempada que mañá pechará en 'Casa Compos' logo do último adestramento. Ademais, tamén se confirma a permanencia no cargo de todo o corpo técnico que buscará dende xa reforzar o equipo ante as posibles baixas que se dean neste verán aumentando as xa coñecidas de Cabrejo e David Rey, que colgan as botas.
Corpo técnico ao completo seguirá nunha tempada cuxo obxectivo non será outro que rematar nos postos de promoción de ascenso e para iso terán que comezar axudando a Castiñeiras e Bellido á hora de formar un novo conxunto, cun bloque de base do equipo desta mesma tempada. Un adestrador que xa coñece a categoría tralo seu paso tamén polo banco do Noia además de pasar por outros equipos coma Boiro ou Pontevedra malia ter só 34 anos. 

E comezan os rumores. 
De momento podemos confirmar a saída, por retirada, de dous xogadores. Dúas baixas confirmadas dende hai tempo e ás que acompañarán unhas poucas máis entre as que se di que estará Recoba. O centrocampista uruguaio, que deixou moi boas sensacións na súa volta a casa, apunta a abandonar o equipo rumbo a outro de superior categoría logo de non poder conseguir o ascenso que tan preto semellaba estar hai algunhas semanas. 
Poucos nomes máis saíron estes días na prensa e polo de agora non se fala de ningunha posible chegada mais si hai grandes xogadores que apuntan algúns seareiros para reforzar o equipo entre os que destacan Uxío do Cerceda e Gerardo do Racing Vilalbés, pezas que parecen estar lonxe do alcance do noso equipo. Pola súa parte, a directiva anunciou que buscará reforzar as posicións do centro da defensa logo da saída de David Rey e o lateral esquerdo ante a retirada de Cabrejo ademais de buscar xa pezas para reforzar o último terzo do campo. 
En canto a renovacións, todo apunta a que nos vindeiros días se anuncie un novo contrato para xogadores coma Ube ou Santi. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario