Dúas baixas confirmadas


O Compos confirmou na mañá de hoxe, venres, dúas baixas máis de cara á vindeira tempada. Trátase da non renovación de Ander Bellido e Martín, xa algo esperadas por moitos logo de non contar coa confianza de Yago Iglesias durante a tempada sumando un total de 850 minutos entre os dous, que buscarán seguir as súas carreiras deportivas lonxe do equipo da capital galega. 

Curso de aprendizaxe. 
Para Ander Bellido, este curso foi o primeiro nunha categoría nacional. Aos seus 21 anos e logo de pasar polas categorías inferiores de Cidade de Santiago e Compos, o central vasco e fillo do 'muro de San Lázaro', comezou a súa carreira cedido nas filas do Estudiantil xunto con Nogueira e Lucas entre outros. 
Ander chegou ao primeiro equipo da Esedé este curso da man de Yago Iglesias para debutar no mes de outubro en A Grela ante o Silva, onde xogou os noventa minutos na derrota dos nosos por 2-1 deixando boas sensacións sobre o terreo de xogo. Habitual fóra das convocatorias co primeiro equipo, tivo un cuarto de hora ante o Vilalonga en San Pedro e non foi ata este mesmo mes de maio cando se estreou en San Lázaro no empate ante o Negreira con algo menos de vinte minutos sobre o verde. E pechou a súa presenza no equipo na derradeira xornada nos Carrís ante o Barbadás con algo máis de media hora. 

Un ano máis na casa.
O centrocampista da capital Martín chegou ao Compos procedente do Santiago no verán de 2011 para reforzar o equipo no tema ofensivo e acadar un ascenso á Terceira división. Unha peza importante naquela tempada en Preferente e outro tanto na que significou o ascenso á Segunda división B con 4 goles en 22 partidos. 
Dous anos despois deixou o equipo rumbo ao Órdenes, onde militou só unha tempada facéndose un oco na Terceira división. De feito, no equipo verde participou en 37 encontros chamando ás portas dun Cerceda onde xogou dúas fases de ascenso. 
Logo doutras dúas tempadas no equipo cercedense, o santiagués volveu á casa para unha tempada onde non contou coa confianza do adestrador. 21 partidos xogados, só 5 de titular e un completo. Un total de 700 minutos para un xogador que atopou o camiño á portería ante Barbadás e Órdenes. 

Agora só nos queda mandarlles todo o noso apoio e desexarlles toda a sorte do mundo a dous xogadores da casa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario