25 de maio


Hoxe, día da Ascensión en Santiago e festivo na capital galega, temos dous novos precedentes na nosa sección 'Eran outros tempos'. Dous partidos con final máis feliz un que outro en Primeira división e na última promoción de ascenso xogada en Terceira división, que comezaba hai hoxe 4 anos en San Lázaro.

25 de maio de 1996.
Comezamos cun precedente de hai 21 anos nada máis e nada menos. Na etapa dourada do noso equipo, nunha Primeira división que abandonamos hai onte 19 anos, se pechaba a segunda tempada na élite coa visita ao Espanyol, ao antigo campo de Sarrià.
Un partido sen goles para pechar o cuarto posto do equipo barcelonés e o décimo do conxunto santiagués, superando ao Celta na clasificación e a dous puntos do Deportivo. Un encontro onde os nosos saltaron ao terreo de xogo cun once formado por Falagán, Dulce, Bellido, Villena, Toni, Eraña, Passi, José Ramón, Lekumberri, Arensoe e Paniagua. Igualdade máxima en todo, non só no marcador e final de festa para os dous equipos confirmando un posto de UEFA para os locais.

25 de maio de 2013.
Chegamos á última promoción de ascenso xogada polos nosos. Hai catro anos comezaba a andaina da Esedé, da man de Fredi, camiño á Segunda división B en San Lázaro ante o CD Ebro aragonés. Un partido que deixou pechada a eliminatoria sen practicamente nada en xogo no partido de volta en Zaragoza.
O once formado por Adrián, Borja Facal, Catú, Germán, Jimmy, Gonzalo, Manu Rodríguez, Jordan, Diego Peláez, Yahvé e Joselu, aos que logo sumar a Jacobo, Marcos Suárez e Martín, superou a un feble Ebro que nada puido facer ante un dos mellores encontros do noso Compos aquela tempada e cun resultado que puido ser moito maior. Joselu, un dos grandes autores do ascenso, foi tamén autor dos tres primeiros goles do partido antes de cumprirse a hora de xogo facendo que o conxunto rival, canso ante a exixencia do partido, baixara os brazos permitindo aos nosos aumentar a conta. Foi Marcos Suárez, a sete minutos para o final, o encargado de facer o cuarto e definitivo que serviría para pechar o pase á seguinte rolda con noventa minutos aínda por xogarse.
O resumo do encontro, aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario