24 de maio


Chegamos a un día da historia do noso clube que, ao igual que este ano para outros moitos, a promoción de ascenso cobra unha gran importancia. De feito, dous dos catro precedentes da historia recente do noso equipo un día coma hoxe son na loita polo ascenso de categoría mentres que os outros dous son no treito final do campionato na Segunda división.

24 de maio de 1992.
Ao igual que hai dous días, hoxe aparece no camiño do Compos o Lleida. Nesta ocasión en San Lázaro na última xornada, o equipo catalán puxo as cousas difíciles aos nosos nun partido, de novo, cheo de goles e con un no treito final para deixar os tres puntos na capital galega.
A Esedé saltou ao terreo de xogo cun once formado por Docobo, Tono, Cayetano, Bellido, Cea, Cortés, Ochoa, Bodelón, Núñez, Maric e Moure, aos que logo sumar a Pichi Lucas e Jorge. De feito, foi o noso equipo o encargado de adiantarse no marcador cun gol de Moure aos tres minutos de partido. Por contra, o Lleida conseguiu o empate antes dos dez minutos cun gol de Amavisca cun empate que se mantivo ata o tempo de lecer. O segundo tempo comezou tamén con gol branquiazul, nesta ocasión de Bodelón. Media hora despois, dende os once metros, asinou o empate Tubo Fernández mentres que Maric, no treito final, asinou o terceiro e definitivo para os nosos.

24 de maio de 2002.
Comezamos xa coa promoción de ascenso. Neste caso, en 2002 ante o Mérida na primeira xornada nun grupo onde tamén nos atopamos a filais de Barcelona e Valencia, temos que falar dun arrinque con mal pé no estadio Romano. Encontro que só serviu para que o noso ascenso tivera que esperar unha semana máis.
O noso equipo saiu ao campo do Mérida cun once formado por Oliver, Pignol, Manu, Adriano, Chema, Pinillos, Juanito, Rodri, Biscay, Maikel e Aguado, aos que engadir durante o encontro a Cabarcos, Bossa e Arquero. O conxunto local, moi superior durante os noventa minutos, adiantouse antes da media hora de partido cun gol de Pinto. Un tanto que os nosos non puideron remontar malia xogar o Mérida cun xogador menos máis de cincuenta minutos.

24 de maio de 2003.
Un ano despois, xa na Segunda división, o equipo visitaba o Carlos Belmonte na xornada 37. Unha visita a Albacete e o primeiro empate nun día coma hoxe. Hai catorce anos, con Rodri e Castiñeiras no noso equipo, a Esedé facíase cun punto que servía para rematar semanas despois entre os dez primeiros pero perdendo igual a categoría por motivos alleos ao que pasou sobre o terreo de xogo.
Un once formado por Oliver, Pinillos, Corredoira, Pignol, Castiñeiras, Vojvoda, Fidalgo, Fabiano, Pedro Aguado, Sequeiros e Juanito, aos que sumar no treito final do segundo tempo a Jesús Torres, Cabarcos e Rodri, non puido cun equipo que quedou con dez aos vinte minutos de xogo. Os goles, por contra, chegaron na segunda metade por obra de Jandro, actual xogador do Girona, para os locais e de Cabarcos para os nosos a dez minutos para o final.

24 de maio de 2009.
E rematamos cunha nova promoción de ascenso, nesta ocasión en forma de eliminatoria. A ida da eliminatoria ante o Atlético Monzón hai oito anos comezou cunha vitoria importante que sería suficiente para asinar o ascenso unha semana máis tarde en terras aragonesas. 3-0 en San Lázaro e un pé e medio na categoría de bronce.
O Compos arrincou cun once formado por Pablo, Rego, Cholo, Toño, Jimmy, Vladimir, Mariño, Claudio, Centrón, Petter e Rubén, aos que logo sumar a Catú e Kinho. Un equipo que fixo un bo xogo ante o conxunto aragonés adiantándose no marcador á hora de xogo, obra de Claudio logo dun córner botado por Mariño. O mesmo dianteiro sería o encargado de facer o segundo e de novo con asistencia de Mariño, nesta ocasión nunha falta. E nunha terceira xogada a balón parado, chegou o terceiro nas botas de Vladimir a pase de Petter. Un resultado que serviu para, malia perder en Huesca, ascender sen problema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario