Primeira derrota

O Compos sufriu ante o Lugo a primeira derrota do curso. Un pau importante en canto ao resultado contra un rival de categoría moi superior, mais non así en canto a xogo, amosando o Compos un bo xogo de toque aínda que sen conseguir chegar á portería rival. 
Noventa minutos de control lugués e facilidade á hora de perforar a porta branquiazul. Así transcorreu o primeiro encontro en San Lázaro da pretempada cun resultado final de 0 goles a 4, a prol do Lugo con tantos de Sergio Gil, Guille Donoso e Cristian Herrera por partida dobre. 

As malas novas nunca veñen soas.
O partido, e a presentación, comezou cunha mala nova. Primo, dianteiro que anotou o cuarto ante o Negreira e que partiría coma titular, non puido xogar por unha lesión no quencemento. Pero non foi o único que non puido rematar o encontro, Ube tivo que retirarse aos once minutos de partido por lesión cando o Compos parecía estar a igualar en forzas ao equipo de Segunda división.
Ben é certo que o traballo de Ube estaba a ser máis de carácter ofensivo pero logo do troco, un minuto despois, chegou o primeiro tanto visitante. Sergio Gil adiantou aos seus cun disparo que superou a Lucas por alto ante o que nada puido facer o gardamallas. 

Cristian Herrera non perdoa. 
O ex dianteiro do Girona non quixo perdoar o máis mínimo na loita con Lucas durante os primeiros corenta e cinco minutos. Ademais, aproveitou á perfección cada erro da defensa branquiazul para encarrilar a vitoria luguesa antes do tempo de lecer con dous tantos máis en dous minutos. 
Un dos homes máis activos en ataque do CD Lugo non quixo desaproveitar o primeiro córner. Sergio Gil pon a pelota no corazón da área e aí aparece Cristian Herrera para cabecear libre de marca. Erro da defensa e segundo tanto do partido. Mais, só un minuto despois fixo o terceiro da tarde logo dun roubo en zona de tres cuartos e golazo picando a pelota ante a saída de Lucas.

Mal segundo tempo.
A segunda parte non se puido comparar en nada coa primeira. O Compos saiu cun once totalmente diferente mentres que o Lugo só fixo algúns trocos deixando unha boa base do equipo. Pouco que contar xa que os visitantes fixéronse co control da pelota e case nin puxeron en perigo a porta agora defendida por Lorenzo. 
Por destacar algunha cousa pódese dicir que o Lugo, Campillo, errou un penalti cando tiña todo para facer o cuarto, que Guille Donoso fixo o mellor gol da tarde cun disparo dende lonxe que entrou logo de petar no longueiro e que Saro foi o autor da única ocasión do Compos en todo o partido. Ademais, Lorenzo tivo unha gran actuación ante un rival que xa baixara a intensidade do xogo. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio, Cardeñosa, Álvaro Casas, Naveira; Ube (Samu, min. 11), Mon; Tomás, Ares, Rober; e Santi. Tamén xogaron: David Uña, Lorenzo, Márquez, Marque, Queiruga, Víctor, Alberto Freire, Rubén e Saro.
CARTÓNS: -.
GOLES: 0-1 13' Sergio Gil, 0-2 28' Cristian Herrera, 0-3 30' Cristian Herrera, 0-4 72' Guille Donoso.
CAMPO: San Lázaro.

Día de Galiza, día de Compos

O 25 de xullo, día de Galiza, poderemos vivir o que semella será o primeiro amigable do Compos este verán e, por sorte, será en San Lázaro. Un partido ante todo un equipo de Segunda división e que está a converterse nun seguro na pretempada branquiazul. O Clube Deportivo Lugo visitará Santiago para enfrontarse á Esedé en menos dun mes no que será o 'II Memorial Antonio Bermúdez'.
A segunda homenaxe ao periodista santiagués, falecido en xuño do pasado ano, chegará da man de Compos e Lugo algo menos dun ano despois do primeiro, onde o Deportivo foi o outro protagonista rematando con goleada coruñesa. Unha homenaxe que, este ano si, será de balde para os socios branquiazuis e servirá para rematar un día de festa para todos.

Terceiro ano.
Este ano será o terceiro no que Compos e Lugo se vexan as caras en pretempada. De feito, será o cuarto enfrontamento entre ámbolos dous conxuntos nese mesmo tempo. Unha proba de nivel para os nosos case sen tempo para adestrar antes xa que, a falta de 23 días, o equipo aínda non está completo.
Dende 2015, cando se xogaron dous amigables ante o equipo lugués, os dous equipos suman xa tres, catro co que se xogará este mes, partidos onde os branquivermellos conseguiron gañar sen excesivas complicacións aos equipos de Iñaki Alonso, adestrador nos tres precedentes. 3-1, 4-0 e 2-0 amosan unha superioridade entre dous equipos que se enfrontaron en liga nun total de 30 ocasións con resultados moi igualados.

Oito anos despois.
O Lugo visitou San Lázaro por última vez hai xa oito anos. Foi na tempada 2009/10, na Segunda división B e rematou con vitoria para os visitantes por 1 gol a 2, remontando nos dez últimos minutos con goles de Maikel e o 'Chino' Losada. Un partido no que tamén xogou Marcos Rodríguez nas filas do equipo lugués.
11 vitorias, 4 empates e 4 derrotas son os números colleitados polo noso equipo ante o Lugo en Santiago dende o ano 1963, cando se viron as caras por primeira vez.

Tres días.
Os dous equipos comezaron a xogar o mesmo día: o sábado 22. O Compos goleou ao Negreira cun gran segundo tempo e a estrea das novas pezas do equipo deixando moi boas sensacións con só catro días de adestramentos.
Pola súa parte, o Lugo non puido superar ao Real Oviedo na LXVI Edición do Trofeo Emma Cuervo en Ribadeo. Partido interesante entre dous equipos da Segunda división e que rematou con triunfo dos asturianos cun gol de Aarón Ñíguez no segundo tempo.
Sen dúbida, pouco tempo para que os dous equipos poidan preparar este encontro.

Estrea na casa.
Dous meses despois, San Lázaro abrirá as súas portas para a segunda cita do Compos nesta pretempada. Será un partido que, ademais, servirá de presentación ante a afección branquiazul. O partido dará comezo ás 20h pero, quince minutos antes, sairán os xogadores un por un para coñecer as seis novas caras.
As entradas estarán a un prezo de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 12 e 17 anos e de balde para menores de 12 anos. Pola contra, os abonados non terán que pasar por taquilla.
Non obstante, quen non poida asistir ao partido poderá seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ao igual que o pasado sábado ante o Negreira.

Gran estrea

O Compos comezou a pretempada con moi boas sensacións. O equipo branquiazul superou ao Negreira cun bo partido sobre o verde do Novo Campo do Doce, na Escravitude, e no que as novas pezas do conxunto dirixido por Yago Iglesias amosaron un gran nivel marcando tres dos cinco goles nunha tarde de verán na que os nosos se fixeron co primeiro torneo do curso 17/18.
Primeira cita da pretempada e diante un rival da mesma categoría dos nosos que puxo resistencia durante os primeiros corenta e cinco minutos e perdendo en tódalas partes do campo durante o segundo tempo, onde a superioridade branquiazul foi efectiva en tódolos sentidos. 

Igualdade sen intensidade. 
O partido non gozou de alta intensidade mais si de ocasións claras e goles, ata sete en total. Unha serie de tantos que comezaron aos quince minutos de xogo co primeiro tanto do Negreira aproveitando un erro da defensa, que durante a primeira parte non tivo a súa mellor tarde. 
A vitoria negreiresa mantívose durante dez minutos máis, ata que Álvaro Casas, a balón parado, fixo o seu primeiro tanto coa camisola branquiazul. Porén, a ledicia dos nosos non se alongou moito máis dunha xogada xa que, nunha xogada rápida, conseguiu poñerse por diante de novo o equipo vermello.
Co segundo gol do Negreira, o Compos foi moi superior sobre o verde e, antes do tempo de lecer, chegou un novo empate con gol de Alex Ares, que confirmou ser un dos mellores xogadores da categoría un ano máis. 

Novo equipo e goleada. 
Os trocos non fixeron máis que mellorar o nivel branquiazul na segunda metade. A superioridade da Esedé sobre o campo, ademais, non tardou en transformarse en goles. Mon puxo por diante aos nosos por primeira vez cunha falta directa no primeiro tanto dun repetidor no equipo. 
E se no primeiro tempo era Ares o que deixaba moi boas sensacións, no segundo foi Primo. O dianteiro cántabro fixo o cuarto da tarde nun contraataque definindo á perfección ante o porteiro logo de desfacerse do porteiro. E ademais de goleador, tamén deixou unha asistencia para Ube, que non perdoou o quinto e definitivo. 

Agora, o equipo preparará nas seguintes horas o encontro do martes ante o CD Lugo, que suporá ademais a presentación da Esedé en San Lázaro de xeito oficial.

ALIÑACIÓN: Lorenzo (Lucas, min. 46); Sergio (Márquez, min. 46), Uña, Queiruga, Marque (Naveira, min. 46); Alberto (Ube, min. 46), Casas (Mon, min. 46); Ares (Saro, min. 46), Tomás (Víctor, min. 46), Rubén (Rober, min. 46); e Santi (Primo, min. 46). 
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 0-1 16' Cristian, 1-1 26' Casas, 1-2 27' Iván González, 2-2 35' Ares, 3-2 55' Mon, 4-2 34' Primo, 5-2 36' Ube.
CAMPO: Novo Campo do Doce. 

Comeza o bo

O Compos comeza este sábado 22 de xullo o mellor do verán: a pretempada. O equipo de Yago Iglesias abrirá o curso 17/18 cun encontro ante o Negreira no 'I Torneo Vila de Padrón', na Escravitude. Un torneo organizado pola SD Esclavitud para conmemorar os seus 50 anos de vida e que, nun principio, sería ante o Clube Deportivo Boiro, equipo que non está a pasar polo seu mellor momento.

50 anos.
A Sociedad Deportiva Esclavitud naceu alá polo ano 1967. Un equipo con sede a menos de 20 km de Santiago, que a pasada tempada militou na Primeira galega, na que perdeu a categoría logo de quedar 17º na clasificación só por diante do Villestro.
Agora, cun campo feito en 2009, celebran medio século de vida cun partido entre dous dos equipos de máis nivel da zona de Santiago e arredores. Dous equipos da Terceira división e que remataron a pasada campaña sen complicacións.
A todo iso hai que engadir que para o Esclavitud podería ser un partido importante para coñecer os puntos febles do Negreira, rival que podería ter na Copa Deputación de superar na primeira rolda ao Unión.

Catro días e un partido.
O equipo de Yago Iglesias chegará ao partido logo de só catro días de adestramentos. A pretempada comezará o 18 e o 22 chegará o primeiro control importante par os nosos ante un equipo contra o que, de catro enfrontamentos, nunca se perdeu en partido oficial. Tres partidos e só un empate ante o conxunto negreirés, que comezará a adestrar un día despois dos nosos logo de reforzarse moi ben con xente nova.

Un de catro.
O encontro ante o Negreira será o primeiro de catro que xogarán os nosos en cousa de oito días. Logo do enfrontamento na Escravitude, a Esedé recibirá en San Lázaro ao Clube Deportivo Lugo e na seguinte fin de semana terá que verse as caras ante Dubra o sábado e Fabril o domingo, neste caso en Camporrapado.
Unha primeira cita importante para coñecer as novas caras do equipo branquiazul e, sobre todo, saber se as novas pezas do equipo, que buscarán facerse un oco, terán sitio na Esedé de cara á vindeira tempada ou deberán buscar un novo conxunto fóra de Santiago.

'I Torneo Vila de Padrón'.
Arrinque e primeiro torneo para os nosos. O partido será o sábado 22 ás 19:30 horas no Novo Campo do Doce na Escravitude e o prezo das entradas será de 5 euros por persoa. 

Máis traballo de verán

A pretempada do Compos segue a aumentar en canto ao traballo. A preparación branquiazul, que xa contaba con seis amigables, aumenta co calendario da Copa Deputación, que dará comezo neste mesmo mes de xullo pero na que a Esedé non aparecerá ata o mes de agosto. Un calendario, o da competición, que da comezo o 26 de xullo coa fase previa, onde se xogarán tres partidos, e que rematará cunha Final o 15 ou 16 de agosto con ata seis eliminatorias previas das que o Compos está exento de dúas. 

Ribeira ou Noia.
O que está claro é que o 2 de agosto, o Compos terá que saír para xogar lonxe de San Lázaro. Atlético Riveira e Noia comezarán o derradeiro domingo do mes, día que o Compos recibirá en Camporrapado ao Fabril, o torneo na busca dun billete que daría a oportunidade de enfrontarse á Esedé nos dezaseisavos de final recibindo ao noso equipo ese mesmo mércores no seu campo, xa que o Compos non xogará na casa ata, como mínimo, a semifinal. 
Ese primeiro partido, na primeira eliminatoria do torneo, será no campo do Atlético Riveira entre o equipo da Primeira Autonómica e o recén ascendido á Terceira División, onde se podería repetir o enfrontamento de pasar o Noia de rolda.

Polo bo camiño.
Os equipos da Segunda B e Terceira comezarán a súa andaina pola competición a mesma semana, o mesmo mércores. E posiblemente, o Compos podería ter un camiño máis doado do que tivo os últimos anos para chegar a unha nova Final dun torneo que gañou ata en dúas ocasións nos cinco últimos anos. 
Bergantiños sería o primeiro equipo de Terceira que se cruzaría no camiño santiagués, cun partido que se xogaría nos cuartos de final unha semana despois. Ademais, polo mesmo lado do cadro aparecen equipos coma Negreira e Boiro, que poderían enfrontarse en oitavos de final, e Dubra e Órdenes, que poderían facer o propio de superar aos seus rivais. 
Pola outra parte do cadro, Fabril, Cerceda, Silva, Racing de Ferrol e Somozas, entre outros, buscarán un oco na Final. 

Posible camiño ata a Final.
A partir de agora todo depende do que pase sobre o terreo de xogo. Non obstante, xa coñecemos o posible camiño ata a Final para os nosos, con partidos máis interesantes cada rolda que se vaia superando.
De superar ao gañador do Atlético Riveira-Noia, o Compos tería que visitar en oitavos de final ao gañador do Flavia/Bertamiráns-Tordoia/Arzúa, catro posibles rivais para un partido que sería o 6 de agosto, só un día despois do Triangular do Praíña, que hai uns días coñecimos que será ante Cerceda e Céltiga.
Os rivais posibles aumentan de cara aos cuartos de final, marcados para o 9 de abril. Dumbría/Outes/Xallas/Zas/Soneira-Fisterra/Sofán/Bergantiños, con enfrontamento na rolda previa en Dumbría e o Bergantiños tamén exento de xogar a primeira rolda, polo que chegaría coas mesmas forzas ca os nosos.
Xa en semifinais, a cousa ponse algo máis difícil. Nova fin de semana, domingo 13 de agosto, e o Compos tería que enfrontarse, con posibilidade de xogar en Santiago, ao gañador de catro eliminatorias, a un dos seguintes doce equipos posibles. Esclavitud/Unión/Puebla/Villestro/Negreira/Boiro-Val do Ulla/Sigüeiro/Maniños/Cedeira/Dubra/Órdenes.

Sen dúbida, podería ser unha boa proba importante para os nosos con dúas semanas de fútbol sen parar, xogando ata dous partidos cada fin de semana. 

Últimas novas sobre o verán

A dous días de comezar os adestramentos, temos dúas novas importantes de cara á pretempada branquiazul. Unha terá que ver cos enfrontamentos e outra co equipo compostelanista, xa pechado e que podería aumentar só con xogadores saídos das categorías inferiores. E diso hai que falar.

23 xogadores.
Yago Iglesias contará con 23 homes para esta pretempada. O adestrador branquiazul non só terá baixo o seu mando dende o día 18 aos 19 xogadores que, neste momento, forman o primeiro equipo do Compos senón que ademais contará con catro homes máis das categorías inferiores, dous deles que rematan xa a súa formación e deben buscar un oco no equipo ou ben saír cedidos. Víctor Vilariño, Jorge Queiruga, Borja Márquez e Samuel Marque serán os catro que loitarán por comezar o curso cos maiores.
Samuel Marque e Borja Márquez remataron este verán a súa formación nas categorías inferiores do Compos e poderían comezar a súa carreira na casa de deixar boas sensacións. Marque pode xogar tanto de central coma de lateral dereito mentres que Márquez pode facelo tanto de lateral coma de interior, posicións que poderían estar pouco cubertas no conxunto compostelanista.
Por outro lado, Vilariño e Queiruga aínda terán un ano máis nas categorías inferiores do equipo mais buscarán reforzar o primeiro equipo este verán. Os dous xogadores, ambos do ano 2000, foron uns fixos o ano pasado no Xuvenil Nacional. No caso de Vilariño, trátase dun centrocampista mentres que Queiruga é, ao igual que Marque, central.
Catro xogadores que poden reforzar a parte defensiva do equipo durante este verán.

E unha variación.
Hai algo menos de dúas semanas coñecimos o calendario de pretempada do noso equipo. Pois ben, este sábado pola tarde coñecimos a primeira variación. E é que o primeiro enfrontamento, o do día 22 na Escravitude, non será ante o Boiro senón ante o Negreira. O 'I Torneo Vila de Padrón', que ademais será o 50 aniversario da SD Esclavitud, terá como prato principal un Compos-Negreira no Novo Campo do Doce.
O partido que abrirá o novo curso para os nosos será o sábado 22 ás 19:30 horas e as entradas terán un prezo de 5 euros para todo aquel que queira asistir á estrea dos nosos, que tres días despois terán unha cita importante en San Lázaro.

Copa Deputación. 
A día 16 de xullo aínda non hai información sobre a Copa Deputación da Coruña 2017. Un dos torneos máis importantes no verán galego e que non se lle dá de todo mal ao Compos, dará comezo nos vindeiros días. Entre finais deste mesmo mes de xullo e a comezos de agosto, a Esedé volverá a xogar un campionato que gañou en tres ocasións, dúas nos cinco últimos anos. 

Chega o gol!


Un día despois de confirmarse gran parte da pretempada branquiazul, quedando aínda por coñecerse o calendario da Copa Deputación que ocupará parte de xullo e medio agosto, o Compos confirma a chegada do tan agardado dianteiro. Descartados nomes como Javi Pazos do Vilalonga ou Uxío, que asinou hai poucos días polo Deportivo B, chega a Santiago Óscar Manuel Conde Cruz, máis coñecido como 'Primo'. 
Cántabro de 24 anos, Primo chega ao Compos procedente das filas do CD Vitoria, filial da SD Eibar e co que conseguiu hai uns días o ascenso á Segunda división B. Dianteiro centro con gol e ampla experiencia na Terceira división pasando polos grupos cántabro e vasco e, incluso, con minutos na Segunda B. 
Comezou a súa carreira nas filas do CD Laredo alá polo ano 2013 xogando un partido na fase de ascenso ante o Deportivo Pacense. Ao ano seguinte contou con algo máis de tempo nas filas do equipo cántabro xa no treito final do campionato cun total de 7 partidos e un gol. 
Do Laredo pasou ao Tropezón. O equipo de Tanos militaba na Segunda B, descendendo ese mesmo ano, e puido contar con case 400 minutos na categoría de bronce anotando un total de 4 goles, un deles en San Lázaro na goleada do Compos por 4-2. Poucos minutos de xogo pero xa amosando facilidade para facer dano na área rival.
A seguinte tempada non se moveu moito asinando pola Gimnástica Torrelavega, coa que xogou de novo promoción de ascenso á Segunda B por terceiro ano na súa carreira. 32 partidos sendo xa un fixo na punta de ataque, máis de 2.400 minutos, e, o máis importante, 26 goles. Uns números máis que bos para asinar un ano máis polo equipo cántabro. Non obstante, só estivo media tempada máis, o curso pasado, onde xogou 20 encontros e anotou 13 goles en 1.400 minutos. 
A gran primeira volta en Torrelavega abriulle as portas dun filial de Primeira división. Cambiou Cantabria por Euskadi e tardou algo máis dun mes en estrearse no seu novo equipo, o CD Vitoria. Entrou por primeira vez ante o Deusto e non quixo desaproveitar a oportunidade facendo o seu primeiro gol co seu novo equipo. Na súa seguinte aparición anotou de novo, esta vez ante o Balmaseda, e pechou a súa conta particular co que podería ser o gol máis importante da súa carreira ata o de agora: o que confirmaba o ascenso do CD Vitoria á Segunda división B ante o Atlético Astorga na final da promoción de ascenso. 
Máis de 40 goles nas dúas últimas tempadas amosan o bo traballo que tamén se está a facer por parte da directiva branquiazul para atraer á 'Casa Compos' un seguro goleador que xa sabe o que é marcar en San Lázaro.

Make volve á súa casa.
Logo dun ano en Santiago, Make volve ao Racing Vilalbés, equipo onde militou dende 2010 ata 2016 comezando alí a súa carreira deportiva e onde a continuará logo dun ano no Compos no que non rematou de convencer o suficiente para gañarse unha renovación. Un xogador que foi de máis a menos e que, en 32 partidos, anotou un gol ante o Arousa.